«Besteiro non abriu a boca durante a folga e iso que é concelleiro»

Xosé Carreira LA VOZ / LUGO

LUGO

cedida

«É moi curioso que abandonara un pleno para non votar unha moción»

12 ago 2014 . Actualizado a las 07:02 h.

Ao longo da folga do lixo houbo voces que se alzaron criticando ao BNG por entender que a súa postura non foi o contundente que agardaban. A portavoz municipal Paz Abraira, que pecha hoxe as entrevistas aos representes dos grupos para valorar o ocorrido nos 59 días de paro, rebate a quen os acuse de benevolencia ou compracencia co equipo de goberno co cal se mostra moi dura, especialmente co alcalde Orozco.

-¿Estiveron os seus socios altura das circunstancias?

-Vivimos unha situación que non se recorda no concello. A pesar da duración e dureza, foi unha folga que se levou con racionalidade tanto por a poboación como polos traballadores. Foi unha folga que puido resolverse moito antes porque en xuño houbo unha proposta do mediador que aceptou a asemblea de traballadores, pero non Urbaser. E non aceptou, entre outras cousas, porque en ningún momento se viu premida polos seus incumprimentos. Incumpriu o contrato co concello e cos veciños non recollendo o lixo que é polo que se lle paga e todos os anos se lle aplica unha suba do IPC. Os traballadores foron consecuentes. Non querían unha folga de dous meses porque a quen lles repercute de maneira directa é a eles.

-¿E os do goberno onde andaban?

-Desaparecidos. Noutras cidades nas que se anunciaron folgas na limpeza, os gobernos municipais empezaron a actuar para evitala. Aquí non foi así. Cando empezou, na semana do Arde Lucus, os traballadores retrasaron o comezo 24 horas para facilitar un acordo. ¿Que fixo o concello nese momento? ¡Nada!

-¿E vostede? Din que foi branda.

-Fomos críticos dende o primeiro momento. Unha das primeiras cousas foi esixir unha xunta de voceiros para poñer sobre a mesa propostas e alternativas. Pedimos que se actuase con máis dilixencia con Urbaser porque, cando fomos comprobar o expediente aberto para sancionala con 30.000 euros, atopámonos con que boa parte dos informes que emitiu o concello o único que facían era copiar literalmente o texto das alegacións que presentou Urbaser. Para facer eses informes de risco sanitario, imposibilidade de cumprir os servizos mínimos. ¡Que curioso! ¿Non resulta curioso que os informes que emite o concello recollan o mesmo sentir que as alegacións que presenta a empresa? Iso, a min, chamoume a atención.

-Non falta quen diga que Orozco e o seu equipo foron indulxentes, benevolentes con Urbaser. ¿Vostede que di?

-Isto vai máis aló do Concello de Lugo. A ninguén se lle escapa que os servizos privatizados xeran beneficios non só para as grandes empresas senón que os partidos estatais sempre xogaron con esas privatizacións porque lles permiten facer política. O contrato de Lugo para unha multinacional coma Urbaser é un grao de area. Non ten maior transcendencia pola súa contía e dentro do montante que manexa a empresa. Sen embargo, os intereses e contactos que, tanto PP como PSOE, ao longo de todo o Estado teñen con Urbaser, evidentemente teñen moita importancia. O interese vai moito máis aló do Concello de Lugo. PP e PSOE estaban preocupados de non lesionar a imaxe da empresa porque, senón, houberan actuado doutra maneira totalmente distinta. Por iso insistimos que o PSOE tiña que posicionarse neste asunto e o señor José Ramón Gómez Besteiro non abriu a boca en todo este proceso, a pesar de ser concelleiro de Lugo. É mais, cando o BNG, a petición dos traballadores levou unha moción ao pleno (os demais grupos non o fixeron, aínda que se lles pediu que a levasen) o señor Besteiro curiosamente ausentouse do salón de plenos. ¿Para que? Para non votar. ¿Por que? Terá que explicalo porque ninguén lle preguntou tampouco. É moi curioso que o secretario xeral dos socialistas galegos abandone un pleno, que non abandona nunca, cando se vai votar unha moción desas características e ninguén lle pregunta por que. ¿Por que non quixo votar esa moción? Porque era esixirlle a Urbaser que negociase. Está claro que a empresa quería dar un escarmento no só os traballadores de Lugo senón a todos porque neste momento non se permiten as folgas. Nin socialmente, nin a outro nivel, se xustifica cun traballador cun posto poda reclamar nada. Iso é derivado da política que fixeron PP e PSOE. Coa reforma laboral pódennos mandar á rúa sen indemnización. Entón, ¿Que temos que ser, todos escravos?

-¿Podería ser Urbaser unha axencia de colocación da equipa de goberno?

-Non podo afirmar nin negar. Non teño datos para saber se o PSOE colocou xente na empresa. Os rumores din o que din, que hai moitas persoas vinculadas co partido e co goberno municipal. Evidentemente eu non podo afirmalo, pero está claro que había un interese por parte de Orozco de non culpar desta situación a determinados traballadores/as. E terá que responder por que. ¿Porque non tomaba medidas efectivas contra empresa por incumprir o seu contrato?.

Paz Abraira portavoz do BNG no concello de Lugo