Alegría e diversión na Romería Labrega dos Vilares

María Caravel

LUGO

FOTO SUSO

10 ago 2014 . Actualizado a las 06:45 h.

Agosto é o mes en que se recordan de xeito alegre e despreocupado labores do campo que hoxe están case desaparecidas, e a Romería Labrega dos Vilares, en Guitiriz, é unha excelente oportunidade para facelo. A festa comezou onte co concurso de cans, a carreira popular e o pregón de Xulio Xiz. Tralo xantar na carballeira do Cancelo, onde non faltaron o polbo, o churrasco, as empanadas, o pan e o viño, celebrouse a carreira de cabalos. Sons de Aldea, José Enrique e o grupo Spanish puxeron a nota musical dunha cita que continuará hoxe.

Feira medieval na Fonsagrada

E das tarefas do campo brincamos ao pasado porque A Fonsagrada acolleu unha feira medieval que quedou a medias. Ao parecer, a empresa contratada para organizala non dispuxo os postos previstos. Con todo, a vila viviu unha mañá chea de cores e sensacións que pola tarde foi a máis na décimo sétima mostra folclórica de Antaruxas e Sorteiros, que ao parecer foi das máis concorridas.

Encontro artesán en San Román

Tamén na montaña, pero en San Román, tivo lugar o terceiro Encontro de artesanía, produtos típicos e arte tradicional de Cervantes. No polideportivo instaláronse cantidade de postos que puxeron á venda artigos e alimentos como mel, embutidos, pan, cerámica, coiro ou tear. A música tivo un papel destacado durante todo o día da man do grupo Os Xardois. Ademais, a ANPA do CPI de Cervantes colocou unha mesa reivindicativa para reclamar un ensino de calidade para o rural.

O alzamento de Solís

E xa á noitiña, nos xardíns da Deputación representouse a obra de teatro Abril de lume e ferro, dirixida por Mario Gallego, e que recreou o alzamento militar do coronel Solís no Lugo de 1846, e o seu posterior fusilamento xunto con outros once oficiais en Carral.