Núñez Torrón advirte da caída de ingresos de Acruga polo descenso da venda de seme

Lugo / La Voz

LUGO

16 jul 2014 . Actualizado a las 16:06 h.

O rival de César Dorado pola presidencia de Acruga, Antonio Núñez Torrón, advirte da caída de ingresos da asociación polo descenso da venda de seme. Afirma que entre o 2007 e o 2013 os ingresos derivados desta comercialización caeron en máis de 100.000 euros. Asegura que cada vez son máis as queixas dos clientes sudamericanos, os principais compradores de seme, en relación á «irregularidade e a diminución no rendemento e na conformación das canais daqueles animais sacrificados procedentes do cruce entre macho de Rubia Galega coas razas cebuínas».

Por todo isto, a candidatura de Núñez Torrón propón un programa fiable de selección de machos para o cruzamento con outras razas bovinas como a frisona, que é unha das principais consumidoras de seme de Rubia Galega, engadindo tamén as demandas dos clientes brasileiros.

Por outra banda, Núñez Torrón afirma que os datos do Magrama (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente) contradin as declaracións de Dorado. Explica que segundo os datos oficiais o censo de femias reprodutoras inscritas nos rexistros do libro xenealóxico da raza diminuíu máis dun 11% nos últimos tres anos, pasando de 33.265 femias no 2011 a 29.721 no 2013.

En relación coa expansión da raza, sinala que segundo os propios datos facilitados por Acruga ao Magrama, a finais do 2013 só había 345 reprodutoras de Rubia Galega fóra da comunidade, unha cifra que Núñez Torrón valora como «anecdótica».