Un festival de Becerreá busca recuperar a música dos Ancares

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Alfredo González Vilela, co cartel do festival.
Alfredo González Vilela, co cartel do festival. L.López< / span>

Este sábado actuarán artistas da comarca co obxectivo de dar a coñecer a súa cultura e evitar que desapareza

15 jul 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

Becerreá reunirá este sábado unha mostra da mellor música dos Ancares nun festival único que aspira a converterse nun referente cultural da comunidade. O cantautor becerrense -aínda que afincado en Barcelona- Alfredo González Vilela, organiza desde hai seis anos o Festival dos Ancares, que «pretende ser unha expresión da música desta comarca» e reunir «os músicos que quedan na zona». Terá lugar ás 19.00 horas na Casa da Cultura e actuarán o gaiteiro de Becerreá Pepe Farrera, o percusionista de Becerreá Freixo Barraceira, o acordeonista natural de Navia de Suarna José Romero González, e o cantautor de Becerreá Alfredo González Vilela, que ademais presentará o seu novo cedé-deuvedé Veritas mi. Tamén estarán Son de Cores, de Becerreá.

González Vilela explica que unha das peculiaridades da música dos Ancares é a incorporación dun instrumento moi antigo, a pandeira. Ademais, «o árido, frío e montañoso da zona fai que moitos dos gaiteiros e outros músicos sexan autodidactas».

No seu caso, comezou os estudos de música co mestre José Castiñeiras Pardo. Agora compón as súas propias letras, que logo musica, ou pon tamén música a poemas tradicionais, como os de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Castelao, Manuel Orestes Rodríguez López, Machado, García Lorca... Neste último disco, de feito, intenta reunir a diversidade cultural do país con temas en galego, catalán e castelán.