Panadería Pallares, a memoria viva de Sarria

SARRIA

ALBERTO LÓPEZ

09 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Panadería Pallares de Sarria deu un paso máis na recuperación da memoria histórica local coa apertura da segunda parte do seu particular museo, todo un escaparate do que foi o comercio sarriano hai un século e que reflicte a vida na vila por aquel entón. Onte inauguraron nas súas instalacións, na rúa Matías López, o local onde contan cunha recreación do que eran os ultramarinos do pasado século, con tenda e cantina. «Quixemos recrear as orixes do establecemento, fundado en 1876 por Tomás Castro, e seguir o fío da historia», explica Javier Fernández, que xunto á súa muller Pilar García (bisneta do fundador), actuais encargados da panadería, son xa a cuarta xeración que se fai cargo deste negocio familiar. Ademais, a súa filla tamén está implicada co traballo neste negocio.

Anacos doutro tempo

Dese particular centro comercial forman parte caixas de galletas de lata de Sarria, estropallos de esparto, pizarrillos, latas grandes de pimentón, botóns, prendedores do pelo, orinais, roupa, calzado... e todo do pasado século. Completa este espazo unha exposición fotográfica coa que pretenden render homenaxe a todas esas tendas que formaron parte da historia de Sarria e que, por un ou outro motivo, acabaron pechando: os bares da Ribereña, da Unión, ou da Avenida, o ultramarinos José Ramón, etc. Os que estean interesados en mergullarse nesta peculiar viaxe ao pasado poden facelo acudindo á propia panadería.