«Cada ano pérdese superficie natural protexida e humidais enteiros»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Alerta dos incumprimentos que hai en Galicia da normativa medioambiental

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Pablo Ramil, exvicerreitor de Investigación, céntrase na labor investigadora no Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) tras deixar o cargo hai uns días, unha posibilidade que se lle recoñece a este persoal cada 6 anos. Ademais, ten previsto rematar dous libros nos que estaba traballando, un sobre introdución de especies leñosas no continente europeo e outro sobre espazos naturais en Galicia. Tamén continuará como secretario do comité científico do programa Reserva da Biosfera da Unesco facendo avaliacións periódicas por toda España.

-¿En que investigación centrará o seu traballo agora?

-Temos un proxecto concedido sobre conservación e restauración de humidais dentro do plan Life+Tremedal que está en marcha e ao que aínda lle quedan dous anos. O que fixemos ata agora foi valorar o estado de conservación dos humidais que hai entre Galicia e o País Vasco. Agora estamos elaborando dez estratexias de mellora para a súa conservación a curto ou longo prazo. Dentro dese proxecto tamén elaboramos lagoas novas pequenas, para mellorar o hábitat das especies.

-¿En que especies se incide?

-Agora estamos traballando moito co vexetal eryngium, que ten o mesmo nivel de protección que o oso pardo, e só hai cinco especies en Galicia con ese grao tan elevado. Fixemos unha serie de charcas en Cospeito para favorecer o seu desenvolvemento e agora faremos outras en Outeiro de Rei. A peculiaridade desta especie é que só vive en zonas de Lugo, Ourense e en Francia, na zona da Bretaña. Precisamente o Ibader é a entidade asesora do Ministerio francés, que elaborou un plan de conservación desta especie. Os franceses tiveron en conta as nosas suxestións para a conservación, e así obteñen axudas e potencian o turismo. Eles si que lle dan importancia a estes asuntos e sábenlle ver a rendibilidade económica, porque se captan moitos fondos. Aquí estamos moi lonxe diso. En Galicia non hai ningún plan de conservación de especies vexetais.

-¿Como é a saúde dos humidais na provincia?

-Cada ano pérdese superficie natural protexida e mesmo humidais enteiros en toda Galicia: marismas, lagoas, turbeiras, brañas... Por outra banda, está o incumprimento de normativas. Por exemplo, nos humidais séguese practicando a caza con chumbo. E, por outro, os humidais que permanecen déixanse inzar por plantas invasoras, sobre todo en zonas costeiras e baixas. O de Toiral, por exemplo, desapareceu, aínda que mantén os sinais, e o de Fabás, en Vilalba, secou e desbrozouse o ano pasado. Tamén un sinal indica na estrada de Rábade a Vilalba os humidais do Támega, cando iso está en Ourense, o que hai na Terra Chá é o Támoga, pero hai unha falta de interese tremendo e unha falta de competencia das autoridades. Aquí sempre se pensou que ao ser verde non había necesidade de conservar.

-¿Cales poden ser as consecuencias de non conservar o medio ambiente?

-A máis inmediata é a medioambiental: se perdes ecosistemas é imposible recuperalos. Outra consecuencia é económica, pois renuncias ao turismo verde e a fondos que poidan vir da man de proxectos de I+D. E logo están as posibles sancións, pois se incumpres as normativas como se está facendo, Europa tomará medidas. As próximas xeracións terán unha Galicia esquilmada. A nivel turístico tamén hai consecuencias. Aquí os políticos seguen vendo o medio ambiente coma un estorbo, pero logo queremos vender paisaxe, e non nos damos conta de que o turista está acostumado a unha calidade ambiental por toda Europa que aquí non hai. Sen ir máis lonxe, no Camiño francés, de Pedrafita a Samos atopamos contedores de lixo á vista, sen áreas de descanso para peregrinos, eucaliptos, maquinaria agrícola a carón de igrexas protexidas... Cada vez seremos menos competitivos e menos atractivos, e poderemos facer menos cousas.

-¿Por que se chegou a esta situación?

-En Galicia non hai control nin vixilancia, a lei está mal feita. Todos os humidais son espazos naturais, polo que hai unha norma. Mesmo a UE e a lei de augas protexen estes espazos, pero na práctica aquí non se aplican. Na costa o gran problema son as especies invasoras, que aumentan, e hai zonas da Mariña nas que non se retiraron nos últimos seis anos. Isto é dun deixamento total. Mesmo se están perdendo dunas, que é un espazo público, polo que aí non hai a escusa de lidar con dereitos de propiedade.

Pablo Ramil ex vicerreitor de investigación e investigador do Ibader da usc