Son lucense, pero actualmente non resido en Lugo. Este fin de semana, con motivo do Arde Lucus, acudín a Lugo coa miña familia. Estivemos o domingo no circo romano e é aquí onde quero presentar a miña reclamación, xa non suxestión.
Resumindo, a cuestión foi a seguinte: como ía moito sol, estabamos nas gradas cos meus fillos e xusto en fronte vin unhas gradas á sombra practicamente baleiras, habería unhas oito persoas, non máis. Así que me levantei, marchei cos nenos para alí e cando me vou sentar un traballador do Concello dime que aí non podo sentar porque está reservado para as autoridades. Quedoume a cara como se me deran unha labazada: ¿Que autoridades? ¿Onde están as autoridades?
Como lle dixen, serían unhas oito persoas en idade moi lonxe de ser «autoridades», non coñezo e non o podo afirmar, pero con tal despropósito que se me dixo que os meus fillos non podían estar alí pero eles si, me atrevo a dicir que eran fillos ou amigos desas supostas autoridades.
É máis, aínda que foran autoridades, ¿con que dereito e cara se abusa dese «poder de ser autoridade» para sentar á sombra nunhas gradas diferentes excluíndo ao resto dos mortais nun espectáculo totalmente lúdico, non institucional? ¿Non se dan conta de que é un abuso? Non pode ser, este tipo de cousas teñen que deixar de suceder, ¡que estabamos no circo romano!
É indignante, había sitios baleiros, non se molestaba a ninguén nin se lle facía levantar do sitio a ninguén, ¿non se dan conta que isto non pode pasar a estas alturas, que son tratos tan desiguais? ¿Que lle estamos a ensinar aos nosos fillos?
Directamente é inadmisible que sucedan estas cousas, dáme noxo total. Señores, póñanse as pilas porque non se vai así pola vida. Débese respectar a todo o mundo, non só aos seus, e por riba de todo educar en valores, sóalle, ¿non?
Como é habitual, non recibirei ningún tipo de desculpa, pero non vou quedar calada porque xa estou farta deste tipo de abusos.
Señor alcalde, a ver se lle chega esta mensaxe, tamén isto é importante, non esqueza que todos somos iguais en circunstancias iguais, e o circo romano de Lugo, como comprenderá, non é o acto de investidura de ninguén.