A figura de Díaz Castro tamén é homenaxeada en Madrid

LUGO

FOTO CEDIDA

O documental que se centra no poeta proxectouse na Casa de Galicia

20 may 2014 . Actualizado a las 15:13 h.

Que un poeta galego sexa lembrado e analizado na Casa de Galicia en Madrid, nun acto que ademais se organiza poucos días depois do Día das Letras Galegas, non é sorprendente; e menos aínda se ese poeta galego pasou décadas da súa vida na capital de España, na que, porén, nunca deixou de sentirse un galego afastado temporalmente da súa terra. En Madrid, onte pola noite, proxectouse O instante eterno, documental co que o guitiricense Xosé Antón Cascudo se achegou á figura do poeta dos Vilares.

O responsable do traballo audiovisual lembrou como xurdira a idea, nun acto no que Alfonso Blanco, coordinador da Asociación Cultural Xermolos e gran coñecedor do autor protagonista do Día das Letras Galegas deste ano, salientou a dimensión profesional e cultural de Díaz Castro, que traballou moitos anos como tradutor e que dominaba moitas linguas, pero tamén o seu vencello con Galicia, a onde volveu para pasar os derradeiros anos da súa vida. No acto tamén participou Ramón Jiménez, responsable de Actividades Culturais da Casa de Galicia en Madrid.