Guitiriz rende homenaxe a Xosé María Díaz Castro

Xosé María Palacios / Suso Pena GUITIRIZ / LA VOZ

LUGO

FOTO SUSO

A vila chairega acolleu os actos principais do Día das Letras Galegas

17 may 2014 . Actualizado a las 19:53 h.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, afirmou hoxe, en Guitiriz, que o 17 de maio era a festa maior de Galicia. O Día das Letras Galegas, segundo o responsable da institución, ten un insuperable poder de convocatoria, e este ano, ademais, contou coa valiosa axuda do sol. En Guitiriz, onde se celebraron os actos de homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro (1914-1990), brillou o sol mentres a figura do autor de Nimbos acadaba un fulgor aínda maior ca o de semanas anteriores, nas que xa abundaron os actos dedicados a el.

A xornada dividiuse en dúas partes. Na primeira, celebrada no CEIP Lagostelle, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e os tres fillos do poeta (José María, Maite e Íñigo, os tres desprazados ata Guitiriz dende o País Vasco, onde viven) descubriron unha placa. Logo houbo intervencións de Núñez Feijoo, de Alonso Montero, de Alfonso Blanco (coordenador da Asociación Cultural Xermolos, que leva anis espallando a figura do poeta) e de Xosé María Teixido (alcalde). O escritor Luís Tosar, gran coñecedor do autor homenaxeado, leu un poema dedicado a el, e María do Ceo cantou o poema Nimbos, de igual título ca o único libro que Díaz Castro publicou en vida.

Logo, na Escola Habanera, os académicos Xosé Luís Regueira, Darío Xoán Cabana e Xosé Luís Franco Grande expuxeron varias análises da obra do poeta, salientando a riqueza da súa linguaxe e o seu coñecemento da cultura clásica entre outros aspectos. Tamén houbo, de novo, un espazo para recitar versos do autor lembrado, pois a académica Luz Pozo Garza leu o poema Penélope, un dos máis coñecidos de Nimbos. Se o sol foi un dos trazos sinalados da xornada, a ampla presenza de veciños de Guitiriz tamén resultou salientable nuns actos aos que acudiron representantes da vida política, cultural e educativa de Galicia.