Díaz Castro, un espectáculo de cine en Guitiriz

Xosé María Palacios / Suso Pena GUITIRIZ

LUGO

FOTO SUSO

A estrea dunha curtametraxe baseada no poeta xerou gran expectación esta mañá

16 may 2014 . Actualizado a las 20:01 h.

Un poeta que consegue xerar unha expectación como se fose un personaxe de cine. Esa capacidade debe atribuírselle ao poeta Xosé María Díaz Castro, que neste 2014, no que se cumpren cen anos do seu nacemento e se lle dedica o Día das Letras Galegas, está a converterse, case 25 anos despois da súa morte, nun personaxe de actualidade. A condición de personaxe de cine non se lle pode negar, pois hoxe, precisamente, estreouse, no instituto que leva o seu nome no seu Guitiriz de orixe, a curtametraxe Os camiños esquencidos.

Profesores, alumnos e familiares de alumnos (máis de medio cento de persoas en total) participaron na rodaxe, dirixida por Cristina de la Torre. A proxección causou tanto interese que o salón de actos do centro quedou pequeno e foi mester organizar outra. Como noutras actividades deseñadas polo centro para render homenaxe ao autor de Nimbos, o instituto levará o traballo a outras vilas e cidades: A Coruña e Lugo serán as vindeiras cidades onde se proxecte, como anunciou onte a directora, Olga Aguiar.