A Fonsagrada rende culto ao porco cunha mostra de totografías no museo da vila

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

FOTO MANUEL

Ás instantáneas do fotógrafo Manolo súmanse viñetas de Castelao ou utensilios empregados na matanza

23 mar 2014 . Actualizado a las 06:58 h.

«A vaca é ouro e o porco tesouro». Baseándose neste refrán popular, o Museo Etnográfico da Fonsagrada abriu, coincidindo coa Feira do Butelo, a exposición multidisciplinar O porco é un tesouro. Trátase, segundo explica o director do Museo, Juanjo Molina, de analizar o mundo do porco desde o punto de vista etnográfico, «todo ese mundo de costumes relacionado co tema», e de propoñer «unha reflexión sobre a propia matanza, sobre o sacrificio do porco, a outra cara dese cariño que se lle ten ao porco», continúa. E todo iso, para acompañar e implicarse desde o Museo coa Feira do Butelo, a feira de referencia na vila.

Na exposición, que aínda estará aberta durante uns dous meses máis, hai unhas corenta instantáneas do fotógrafo fonsagradino Manuel, tomadas no mes de decembro nunha casa de Paradanova (San Martín de Suarna). Nelas pode verse todo o proceso, desde a matanza ata o sangrado, escamado, abertura, despece, desingrido das tripas, partido, feitura dos embutidos, colgado ao fume, etc.

Ademais, nesta mostra hai un cadro de Carmen Carral, da súa última exposición sobre os retratos das bestas do mundo rural, e outro máis de José María Cotarelo sobre a matanza. Varias estampas de Castelao relativas ao porco forman parte tamén da mostra.

A maiores, dispoñen de varios dos utensilios empregados na matanza, como coitelos, brosa e unha antiga máquina de embutir feita en madeira. Na inauguración tamén contaron cunha representación teatral de María Roja, sobre a vivencia do sacrificio do porco.

Riqueza do mundo do porco

Juanjo Molina destaca que o mundo do porco «é rico en todos os sentidos», por iso a súa idea é seguir celebrando este tipo de iniciativas nos anos sucesivos. «O seguinte paso sería gravar tamén uns vídeos sobre todo o proceso», continúa Manuel.

Esta mostra, ademais, encaixa tamén en diversas series de exposicións que se levaron a cabo neste Museo fonsagradino. Por un lado, a dos oficios tradicionais, a través das que xa se levan analizado os cesteiros, zoqueiros, gaiteiros ou a malla. Pero tamén a do mundo dos animais, da que xa forman parte A vaca e nós, As bestas e agora O porco é un tesouro.

Proximamente, cara o mes de outubro, este Museo Etnográfico ten previsto inaugurar unha exposición sobre a represión contra o comando de anarquistas que houbera no alto do Acevo, a través de cadros de Dorado. A maiores, teñen previsto levar a cabo outras actividades que xa ultiman.

exposición «O porco é un tesouro»