Cervantes xa é un referente da arte rupestre co achado dun novo petróglifo

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

XABIER MOURE

Atopan o sétimo espazo na aldea de Poso, na parroquia do Pando

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O investigador Xabier Moure atopou o pasado 8 de marzo o de momento sétimo espazo de arte rupestre en Cervantes, convertendo a este municipio nun referente nos Ancares. O novo achado foi un petróglifo xunto ao Pico da Legua, preto da aldea de Poso, en O Pando. «Trátase dunha rocha granítica lixeiramente inclinada onde gravaron nove cazoletas cunhas medidas que van dos nove aos once centímetros de diámetro e cunha profundidade de entre medio e un centímetro. Polo grao de erosión todo apunta a que son prehistóricas, concretamente da Idade do Bronce», explica o historiador.

Moure sinala que por indicacións dunha veciña de Murias, en Navia de Suarna, que ten unha cabana en Pan de Zarco, cerca de Poso, hai máis penas con gravuras, «e non son cazoletas», que visitarán en breve para confirmar se é un novo achádeo prehistórico. O petróglifo inédito xa foi comunicado tanto ao Servizo de Patrimonio da Xunta en Lugo como ao Concello de Cervantes.

«Aínda que sabemos doutros petróglifos que desapareceron, destruídos pola apertura dunha pista no concello de Navia de Suarna, e outro que había en As Nogais, polo de agora o municipio de Cervantes estase a converter nun referente da comarca galega dos Ancares e do oriente da provincia de Lugo canto á aparición de gravuras rupestres ao aire libre. Dende o pasado verán, cando localizamos as primeiras preto da Campa do Barreiro, xa levamos documentados sete lugares con petróglifos, todos situados a unha altitude por riba dous mil metros sobre o nivel do mar», sinala Xabier Moure.