O alumnado recupera a memoria de Navia con fotos, receitas e palabras

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

Sacarán á rúa pola Festa da Androlla o libro «Vai de cocho»

16 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O despoboamento no rural e os recortes educativos non frean a actividade no colexio CPI Dr. Daniel Monje de Navia de Suarna, onde o alumnado, dirixidos polo equipo de profesores, levan anos realizando unha importante labor de recuperación da memoria do seu pobo, a través de fotografías, receitas de cociña, toponimia, palabras patrimoniais ou mesmo arquitectura. Moitos destes traballos de recompilación e divulgación publicáronse en forma de libros. A última creación está a piques de saír á rúa baixo o título Vai de cocho, unha obra con cerca de oitenta receitas de cociña sobre o porco que os cativos recolleron das súas familias. Verá a luz pola Festa da Androlla, que se celebra en Navia a primeira fin de semana de marzo (os días 1 e 2).

Esta nova obra sumarase ás dúas que publicaron con fotografías antigas, de entre principios do século XX e os anos setenta: Unha imaxe... mil recordos. Historia gráfica de Navia de Suarna, que financiou integramente a Deputación, e Unha historia para un futuro. Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, no que tamén colaborou a Deputación.

Ademais, publicaron Toma castaña, con receitas desta froita; Fardelo de tradicións, con exemplos da literatura oral de Navia; ou Os adeuses, sobre historias da emigración, ademais das revistas Sendiñela.

Ademais, a pesar de non chegar aos 70 alumnos desde Infantil ata cuarto de ESO, a súa actividade traspasa fronteiras mediante, entre outras cousas, as xornadas culturais, que en cada quenda se dedican a unha cultura. Ata agora xa van Portugal, Cataluña, Marrocos ou Estados Unidos, que implican actividades para achegarse á vida nestes lugares, culturais, literarias, científicas e mesmo con xornadas gastronómicas no comedor.