Xesús Fraga presentará hoxe unha novela xuvenil sobre o mago Waldemar

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

LUGO

Varios ilusionistas intervirán no acto que empezará ás oito no Mesón do Forno

11 dic 2013 . Actualizado a las 07:02 h.

A chegada a Lugo para pasar o verán dun rapaz que se aloxa na fonda que o mago Waldemar utiliza como base de operacións entre viaxe e viaxe supón o punto de partida de O elefante branco, unha novela xuvenil escrita polo xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971), que traballa para a sección de Cultura de La Voz de Galicia. O Mesón do Forno, epicentro das reunións do Colectivo Máxico Waldemar, acollerá esta noite, a partir das 20.00 horas, a presentación da obra. Ademais do autor, intervirán no acto o escritor Antonio Reigosa e varios ilusionistas de Waldemar, que ofrecerán algúns números. Tamén colabora a librería Trama.

Fraga traballou na cidade amurallada na segunda metade dos noventa, e foi neses anos cando escribiu unha reportaxe sobre a tertulia de magos que daquela daba os seus primeiros pasos no local hostaleiro da Rúa Río Ser. Aí naceu a súa fascinación por Waldemar, un ilusionista lugués que actuará en moitos países. «Fora dos máis grandes, pero estaba algo esquecido», subliña o escritor. A novela, editada por Tambre, relata as aventuras fantásticas, algunhas afastadas no espazo, outras moi próximas, do mago.