O obradoiro de Xaneco, en Outeiro, cultiva a arte de tallar a música

Laura López texto LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Este lutier ensinará aos escolares os segredos dos instrumentos tradicionais

24 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A arte e a natureza encontraron un paraíso na parroquia de San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei, no obradoiro de instrumentos musicais de Xaneco Tubío. Alí traballa desde o 2010 -antes facíao en Cima de Vila- xunto á súa irmá Monserrat. Dedícanse á fabricación, reparación e restauración de instrumentos tradicionais galegos de percusión (pandeiretas, tambores...) e zanfonas, ademais de xoguetes sonoros tradicionais. A maiores, grazas a unha iniciativa de Vicepresidencia da Deputación, desde este curso os escolares da provincia que participen nas actividades en torno á figura do poeta chairego Manuel María, que ten unha casa museo en Outeiro de Rei, farán tamén unha parada no obradoiro de Xaneco. Nel verán como se elaboran os instrumentos musicais e o lutier explicaralles nunha charla didáctica como se utilizan e por que Galicia ten instrumentos diferentes: «Temos cultura propia, así que tamén nos expresamos na música doutra maneira».

As pezas deste obradoiro fanse unha a unha e de xeito artesanal, polo que son únicas: «Non hai dous instrumentos iguais, son únicos en afinación e en decoración, segundo o gusto do cliente, e sempre teñen a ?impronta? do artesán», explica Xaneco.

A produción robotizada non chegou aínda a este sector e, no caso do artesán de Outeiro de Rei, intenta que as materias primas sexan autóctonas. As zanfonas fainas de nogueira, como antigamente, e merca a madeira a serradoiros lugueses. Tamén se pode empregar pau santo, pradairo ou ciprés, para o que hai un almacén especializado en Valencia. Para os tambores sérvese novamente de madeiras autóctonas, como nogueira, cerdeira, piñeiro ou freixo.

A demanda destes instrumentos é moita e, neste sentido, Xaneco destaca a boa saúde da música tradicional galega: «É un sector en auxe porque está medrando o interese polos instrumentos tradicionais, pola zanfona, e tamén hai máis grupos de charangas e pandereteiras, cando nos anos setenta se auguraba que estas formacións ían morrer», sinala. Aínda así, recoñece que a crise, como a todos, tamén lle afectou: «O verdadeiro bum foi nos anos noventa coa proliferación das bandas de gaitas; daquela tiñamos listas de agarda de dous anos. Agora non estamos nese punto, pero encargos non faltan».

Tamén está garantido o relevo xeracional neste oficio. Explica Xaneco a parte dos lutiers que traballan na Deputación, na provincia hai dous en Sarria, un en Lugo e outro en Guntín, ademais do seu obradoiro de Outeiro. Como lugar de formación, en Vigo hai unha escola onde ensinan a facer gaitas, zanfonas e lutería antiga. Neste aspecto, porén, Xaneco opina que queda aínda moito camiño por percorrer: «Sería desexable unha escola de lutiers, e falta investigación. En Galicia houbo moitos músicos tradicionais, pero falta ese eslavón de investigación científica sobre os instrumentos tradicionais galegos, algo que si teñen noutros lugares. Precisamos máis implicación das Administracións».

Recorda, a propósito, que a zanfona, por exemplo, deixou de tocarse nos anos vinte, e foi grazas ao traballo de recuperación do gaiteiro e etnógrafo ourensán Faustino Santalices (1877-1960), que estableceu os canons de afinación, polo que «se evitou que a zanfona quedase só como instrumento de museo». Sen as súas investigacións, quedaría perdido.