Asociacións de todo Galicia celebran mañá unha xuntanza no Pedregal de Irimia

X.M.P. VILALBA

LUGO

Convocan un acto para renovar o «compomiso» e a «fidelidade co país»

20 sep 2013 . Actualizado a las 16:53 h.

Igual que a volta das vacacións é para algúns o momento de facer novos planes ou de aplicar os que levan tempo pendentes, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá aproveitan a chegada do outono para organizar mañá, no Pedregal de Irimia, un acto de «renovación de compromiso e de fidelidade co país». Así o definiu hoxe o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que salientou asemade a intención de consolidar esta iniciativa en anos vindeiros.

Os actos terán lugar no Pedregal de Irimia. A escolla do lugar non foi casual, senón que se quere estar a carón do río Miño, que alí comeza o percorrido que o leva ata ao Atlántico, por tratarse, engadiu Blanco, dun «eixe e manancial de Galicia».

O programa comezará ás doce do mediodía: primeiro descubrirase unha escultura de Manuel Pardo, titulada «O pregoeiro do vento» e construída en aceiro, e logo leranse diversos textos que tratarán temas como o ensino, o idioma ou a ecoloxía. Tras un xantar en Meira, haberá unha lembranza para a figura do tradutor sarriao Valentín Arias, xa falecido. Actuacións musicais, entre elas as de Miro Casabella e A Quenlla, pecharán a xornada.