A cantante intervirá o venres no Día da Cultura Chairega
09 sep 2013 . Actualizado a las 17:14 h.Un concerto que ofrece Uxía o vindeiro venres en Vilalba (Auditorio Municipal, oito e media do serán) supón un novo elo na cadea de homenaxes que se lle están a render este mes a Manuel María na súa comarca. A actuación será unha representación do espectáculo «Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María», xeito elixido este ano polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) para lembrar ao poeta no cabodano do seu pasamento. A entrada é de balde.
O Iescha organiza cada ano, co gallo do Día da Cultura Chairega, actividades moi variadas: en anos pasados houbo actuacións doutros grupos, pero tamén proxeccións de películas como «18 comidas», de Jorge Coira.
O recordo do poeta chega poucos días despois doutros actos na súa lembranza. O sábado inaugurouse, en Outeiro de Rei, a casa museo que se preparou na vivenda onde naceu, promovida pola fundación que leva o seu nome, e onte, nese mesmo concello, tivo lugar a homenaxe anual que organizan Xermolos e a Irmandade Manuel María.