«Cantar nunha orquestra é o mellor traballo do mundo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Foto Manuel

Traballou coa Poceiro ou Juan Mallo, e agora percorre as festas co trío Areal

08 sep 2013 . Actualizado a las 06:59 h.

Con 23 anos, o lugués Lolo Castro presentouse a un concurso de canto que organizaba a finais dos setenta a Cafetería Centro, da Praza de España. Quedou segundo. Xa nunca abandonaría a súa paixón, que converteu en oficio e da que segue vivindo: a música. Percorreu media Europa coa súa voz, desde todas as aldeas da Fonsagrada ata Suíza ou Londres. Primeiro con orquestras como Trébol, Poceiro, Montes, Juan Mallo, Salsa Banda, Nosa Banda, Noche de Gala, Venecia, Sonora de Vigo... e agora co trío que montou, Areal, traballo que combina cun emprego de comercial. Con Areal teñen unhas noventa actuacións ao ano e interpretan de todo, desde cumbia ata merengue, pasodobres ou cancións mexicanas. Pero ofrecen un espectáculo máis orixinal: o festival infantil. «Empezamos este ano porque vimos que en moitas festas non hai actuacións para os cativos, así que disfrazámonos de pallasos, poñemos alfombras para os nenos e facemos cantaxogos e interpretamos cancións infantís», sinalou Castro.

O mundo das orquestras, di, cambiou moito, pero el non o muda por nada, «cantar nunha orquestra é o mellor traballo do mundo, estou moi orgulloso desta profesión. Pasas dous meses de abafo, actúas uns 150 días ao ano, máis os ensaios, e no inverno o traballo é relaxado, en ceas, bailes, sociedades, fas as viaxes polos centros galegos...».

Castro segue sendo un amante da orquestra baseada no canto e no baile, aínda que non critica o xiro que hai na actualidade, «cambiaron as cousas, pero iso non é malo, hoxe inflúe moito o look, o espectáculo». Pero neste mundo, di, a voz valórase menos: «Non fan castings de voz, senón que buscan xente nova e de boa aparencia, a min pasaron de chamarme quince orquestras por temporada a ningunha, así que co trío vou máis ao meu aire».

Non lle ten medo a ningún xénero, atrévese con todos, desde canción española ata rancheiras ou salsa. Pero hai un tema que nunca falta nas súas actuacións, Granada: «Unha vez, coa orquestra Juan Mallo, no restaurante El Bosque, de Cecebre, tiven catro minutos de ovación despois de cantar Granada e Oh Sole Mío. Foi moi sorprendente e emotivo, porque entre o público estaba a Asociación de Amigos da Ópera da Coruña», lembra. Precisamente a ópera é un dos xéneros nos que lle tería gustado triunfar. O outro é o heavy: «Imaxínome cantando en Barón Rojo ou sendo Yosi, de Los Suaves, aínda que sen beber tanto coma el».

Pero canta de todo e adáptase a calquera contexto: «Cantei no Hotel Princesa Sofía de Barcelona con miles de persoas no público, e compartín micrófono con Jordi Pujol, Lendoiro ou Caamaño, e escenario con Francisco ou Manolo Escobar. Os mellores amigos que teño son do mundo da música». No seu historial tamén consta a súa loita polo Conservatorio de Lugo, pois era membro da asociación de pais que encabezou a reivindicación desta escola. E conseguírono.

Lolo Castro Cantante lucense Profesional desde hai 35 anos