A memoria de Manuel María xa recibe visitas en Outeiro de Rei

LUGO

PALACIOS

A casa museo do poeta, preparada na vivenda once naceu, inaugurouse hoxe

08 sep 2013 . Actualizado a las 04:05 h.

A Casa de Hortas xa é tamén Casa Museo Manuel María. A vivenda que pertenceu á familia do poeta e na que naceu o autor de «Elexías á miña vida pequeniña» xa é un lugar onde se garda a memoria do escritor e se amosan obxectos vencellados coa súa vida e coa súa obra.

Un acto celebrado este mediodía, cun número de asistentes superior á capacidade do inmoble, valeu como inauguración e como primeiro percorrido por unhas salas que se poderán visitar dende agora.

O secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, expliocu que a creación da casa museo era un «mandato» deixado polo poeta; o deputado provincial Mario Outeiro subliñou que o acto de hoxe supoñía a consecución dun obxectivo; a delegada da Xunta, Raquel Arias, dixo que se trataba dun acto de xustiza poética, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, proclamou que a apertura era unha satisfacción.

Saleta Goi, viúva do escritor e presidenta da devandita fundación, salientou que coa apertura se cumpría un desexo do escritor e amosouse convencida de que o edificio contribuiría á dinamización turística. No acto non só houbo palabras senón tamén cancións, xa que Uxía cantou un poema de Manuel María.

Tras o acto houbo unha visita polas instalacións, nas que se exhiben libros do poeta xunto a obxectos vencellados coa súa vida e a súa obra. A xornada incluía logo una comida no campo de Santa Isabel.

Aos actos acudiron escritores como Darío Xoán Cabana, Paco Martín, Xabier P. Docampo, Cesáreo Sánchez ou Margarita Ledo. A presenza de cargos políticos tivo unha ampla presenza nacionalista, pois asistiron o deputado provincial Antonio Veiga e o concelleiro lugués Antón Bao ademais do voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, e do nacional, Xavier Vence. A Deputaciónc coruñesa, que tamén achegou fondos para a rehabilitación do inmoble, estivo representada polo vicepresidente Antonio Cañás.