Presentada a 14 edición da Mostra Internacional de Teatro Amador, que contará con doce espectáculos a partir do 22
17 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Un ano máis polo verán Palas de Rei volverá a ser a capital do teatro afeccionado de Galicia coa celebración da Mostra Internacional de Teatro Amador, que chega á súa décimo cuarta edición. O Concello de Palas e o grupo Metátese programaron a partir do 22 de agosto unha serie de funcións con compañías galegas e mesmo unha portuguesa.
Os programadores tiveron en conta á hora de comezar o festival facelo co autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, de quen se poderá ver O capricho do teatro, a cargo de Os Quinquilláns, de Brión. Esta peza está subvencionada pola área de Cultura da Deputación de Lugo.
Ademais da programación das obras teatrais, haberá dúas citas con interese propio. Por un lado a entrega dos xa consolidades premios Careón, que chega á súa oitava edición, e o Mácara, á súa trece edición. Este último recoñece o labor de actos, directores e autores do teatro afeccionado. Nesta ocasión seralle entregado á actriz Paula Carballeira. O premio consta dunha figura de cerámica orixinal da artista Lourdes Matalobos. Pola súa parte, o premio literario Careón recoñece o traballo dun escritor en lingua galega. Seralle entregado este ano a Manuel C.Núñez Singala. A cita será o día 7 de setembro.
Son d'Aldea
O sábado 7 de setembro será este espectáculo etnográfico na parroquia de Albá, onde os visitantes poderán coñecer como eran os diferentes oficios do rural e poderán participar nun xantar con produto elaborados na comarca e participar dunha romaría tradicional. Haberá tamén unha mostra de artesanía alimentaria e outra de oficios artesáns. Unha viaxe ao pasado para coñecer mellor de onde vimos e a saber apreciar o que temos.