Un Lugo de ilusionistas

Xesús Fraga publica unha novela xuvenil arredor do mago Waldemar

LA VOZ

Cando traballaba como xornalista para La Voz de Galicia en Lugo, na segunda metade dos anos noventa, Xesús Fraga (Londres, 1971) escribiu unha reportaxe sobre unha nova tertulia que se engadira ás moitas que xa se celebraban no Mesón do Forno. Esta tiña a particularidade de que os falantes eran magos e, fieis á discreción das súas habilidades, preferían pasar inadvertidos. «De primeiras parecía que non lles apetecía nada terme alí e case non falaban», lembra. «Pero ao final saín de alí con dúas cousas moi importantes: a semente da amizade cos magos e a introdución á historia de Waldemar, un ilusionista lugués que fora dos máis grandes pero que estaba algo esquecido».

A aquela reportaxe seguiu outra sobre Waldemar: «Con algúns dos magos fomos á casa dos parentes que o acolleran na vellez, que nos contaron cousas da súa vida e anécdotas, ademais de amosarnos trebellos dos seus espectáculos e documentos persoais, como pasaportes ou unha carta de recomendación dun embaixador británico. Sabiamos que Waldemar actuara en moitos países e para xente moi importante, e alí estaba a confirmación».

A fascinación por Waldemar e a maxia quedou no maxín do xornalista, quen anos despois escribiría unha novela xuvenil arredor daqueles personaxes e que aparece agora baixo o título de O elefante branco (Tambre). «A historia ten como punto de partida a chegada dun rapaz a Lugo para pasar o verán, aloxado na fonda que rexentan os seus avós, na que vive un curmán que é un mentireiro compulsivo e que tamén fai de base de operacións de Waldemar entre viaxe e viaxe», explica o autor. A partir de aí xurde a relación entre o protagonista e o mago, que lle relata as súas aventuras fantásticas, algunhas afastadas, e outras moi próximas, que atinxen mesmo á súa familia e a unha referencia na cultura lucense e galega como Ánxel Fole. Novamente, intervén o xornalismo: «No ano 1997 dedicóuselle o Día das Letras a Fole. Lin moito da súa obra, moito sobre el e tamén informei dos actos e achegas que se fixeron naqueles meses. Hai un conto de Terra Brava no que a narración xira en torno a un episodio de espionaxe na Segunda Guerra Mundial, e que deixa varios fíos soltos. Así que, sen ousar compararme con Fole nin moito menos, pensei que tiña encaixe coa miña novela esa ?cara B? da historia que no relato de Fole queda para a imaxinación do lector, e iso mesmo foi o que fixen eu, encher ese espazo en branco».

Do adarve á estación de tren

Ao longo de O elefante branco aparecen outros escenarios da cidade que lle resultan moi queridos a Xesús Fraga. O adarve, onde se desenvolve unha carreira entre ambos os dous curmáns; a estación de tren, na que traballa como factor o avó do protagonista; a ponte da Chanca... «Escribín esta historia cando xa levaba varios anos fóra de Lugo e creo que foi un medio de recuperar eses lugares», lembra o autor. «O tempo que pasei na cidade foi determinante para o que escribiría despois, xa que encarreirei unhas intencións que ata ese intre eran moi difusas e non atopaban o camiño, no que me puxeron bos amigos lugueses que ademais son dos mellores escritores que temos en Galicia», xustifica. E conclúe: «O curioso é que cando eu cheguei a Lugo, dando un paseo o primeiro día, pensei que nunca sería quen de escribir unha novela que transcorrese na cidade. E logo, anos despois si que o fixen. Dalgún xeito, ao escribila, volvín á ponte da Chanca, que vía pola xanela do meu primeiro cuarto lugués alugado...».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Un Lugo de ilusionistas