Un libro recolle os resultados do estudo da arte parietal de Cova Eirós

Redacción LUGO / LA VOZ

LUGO

Para os investigadores, «os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia»

27 jun 2013 . Actualizado a las 22:21 h.

O libro «Cova Eirós. Primeras evidencias de arte rupestre Paleolítico en el Noroeste Peninsular», do que son editores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, recolle os resultados do estudo da arte parietal de Cova Eirós, en Triacastela. Para os investigadores, «os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia».

O obxectivo deste volume é dar a coñecer unha investigación que, a pesar do dispar estado de conservación do estudado, permite achegar o lector ao mundo simbólico dos grupos de cazadores recolectores que habitaron o noroeste peninsular hai tal vez uns 20.000 anos. Porque, como explican os autores, se ben as numerosas excavacións realizadas en Galicia permiten ter un coñecemento sólido sobre a cultura material dos grupos do paleolítico superior, «no rexistro galego non exitían evidencias sobre a súa esfera simbólico-relixiosa agora recollidas». Son 84 as unidades gráficas catalogadas, repartidas en once paneis. A metade dos motivos correspóndense con elementos pintados, seguido dos gravados e o uso de releves ou realces naturais da roca.

A pesar do achado, os investigadores lamentan a «escasa atención» prestada polas institucións á investigación neste período.