Vinte artistas participarán nos proxectos EnredArte

lugo / la voz

LUGO

12 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Vinte artistas foron seleccionados por un xurado para participar nos proxectos creativos EnredArte, promovidos pola Deputación e que se desenvolverán nos vindeiros meses nos catro museos da Rede Museística -Museo de Lugo, Museo do Mar, Pazo de Tor e San Paio de Narla-, a sala de exposicións do Pazo de San Marcos e o hospital San José. O delegado de Cultura, Mario Outeiro, e a xerente da rede, Encarna Lago, deron a coñecer onte o nome dos artistas, entre os que hai novos creadores e figuras xa consagradas. «Ademais de ser un acicate para promover a creación artística [...] axudará a poñer en valor os espazos museísticos e os fondos propios dos museos da Rede», subliñou Outeiro.

Deste xeito, en Estudo Aberto, que terá lugar en San Marcos e que está concibido para artistas plásticos de disciplinas como a pintura, a escultura, o debuxo, a instalación, a fotografía ou a vídeo creación, tomarán parte: Reme Remedios, Paz Vicente, Cristóbal Tabares e Ro-Ro, Gema López, Eva Gaztelumendi e Lomarti -en xullo-; e Mónica Trastoy, José M. Luque, Eva Cruz, Edurne Herran, Senén Olano e Ruth Montiel Arias -en agosto-. Mentres, en Diálogos na Rede, unha iniciativa que se realizará nos catro museos provinciais, estarán: Enrique Tenreiro, Iago Eireos, Marina Núñez, Óscar Seco, Carmen Llonín, Paula Cabaleiro, Isabel Somoza e Yolanda Dorda. Establecerán un diálogo artístico con pezas ou coleccións concretas de cada espazo cultural.

Charla en Bonxe

Finalmente, dentro de Espazos Públicos de Visibilidade, Encarna Lago e Lucía Dequit e Francisca Abuín, do departamento de Didáctica, visitarán hoxe o centro penitenciario de Bonxe para ofrecer unha charla aos reclusos sobre os museos lucenses. O xoves 20 de xuño, os internos que participen na experiencia presentarán os seus traballos plásticos no Museo.