Festival de Música, foliada e teatro para non perderse

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

31 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Co inicio dos concertos do Festival de Música Cidade de Lugo arrinca unha das citas culturais do ano na cidade e tamén unha das fins de semana máis atractivas en canto a citas para todos os gustos e públicos.

O festival musical, tradicionalmente Semana do Corpus, comeza ao grande, coa presenza da Real Filharmonía de Galicia, dirixida polo inglés Ivor Bolton, que ofrecerá un concerto dedicado ao clasicismo, con obras de Beethoven, Hindemith, Stravinski e Haydn. Será no Círculo das Artes ás oito e media e con entrada libre.

Esta cita musical, que inclúe doce concertos ata o 12 de xuño, seguirá mañá coa Camerata Boccherini, que baixo a dirección do mestre Massimo Spadano ofrecerá unha actuación de sonatas de Vivaldi, Brescianello e Handel. Será ás nove do serán na Capela de Santa María.

Schola Gregoriana Lucensis

Hoxe mesmo haberá outra cita musical de altura. Será ás oito e media na Catedral cun concerto desta coral segrar de canto gregoriano que naceu en marzo do 2009 e que ofrecerá unha actuación de música sacra, baixo a dirección de José López Veiga. Tamén participará nesta cita o Orfeón Lucense, baixo a dirección de Marcos Fernández.

Foliada de Orbazai

Os músicos, pero noutros estilos ben distintos, encherán o sábado pola tarde Orbazai, onde se celebrará la terceira edición da Foliada. Participarán catorce grupos: Alejandro & Tomás (Lugo), Reviravolta (Lugo), Xesta Verde (Narla-Friol), Os Xílgaros de Lugo, Caivanca (lugo), Antaruxas e Sorteiros (A Fonsagrada), Arrincadeira (Lugo), Grupo Nasdrovia (Lugo), Penas de Rodas (Gaioso-Outeiro de Rei), Os Trastiños de Castelo (lugo), Folquiada de Lugo, Airiños do Neira (Baralla), Sarabelafolk (Lugo) e Airiños de Orbazai (Lugo). Comezará ás cinco da tarde e alongarase ata as nove do serán.

Sarabela e Cantares Gallegos

E para rematar a fin de semana, o multipremiado grupo teatral Sarabela, auténtico referente da escena en Galicia, representarán do domingo a obra Rosalía, os cantares das musas, baixo a dirección de Ánxeles Cuña e co Fernando Dacosta, Nate Borrajo, Elena Seijo e Sabela Gago. Dramatizan os versos de Rosalía á linguaxe teatral. A obra será no auditorio ás 20.30 horas.