López Abella visitou Down Lugo para coñecer os resultados do servizo de atención a mulleres

Lugo / La Voz

LUGO

O obxectivo do programa é mellorar a calidade de vida das usuarias e darlles máis autonomía

09 may 2013 . Actualizado a las 23:03 h.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou a sede da Asociación Down Lugo para coñecer os resultados do servizo de atención integral para mulleres con síndrome de Down ou discapacidade intelectual e as súas familias. O servizo foi subvencionado o ano pasado pola Xunta con máis de 12.000 euros.

As destinatarias deste servizo foron 24 mulleres con síndrome de Down e 4 con discapacidade intelectual, con idades comprendidas entre os 5 e os 55 anos e procedentes da cidade de Lugo e outras localidades da provincia, como Sarria, Becerreá, Viveiro, Guitiriz, Lourenzá, Baralla, Baleira e Monforte de Lemos.

O obxectivo xeral foi o de contribuír á mellora da calidade e condicións de vida das beneficiarias, promovendo nas usuarias unha vida cada vez máis autónoma e independente, que lles permita, por exemplo, desenvolver unha maior cota de participación cidadá ou oportunidades formativas cara ó mundo laboral.

Neste sentido, os programas que se desenvolveron para acadar ditos obxectivos estiveron orientados á atención das familias; a autonomía persoal, social e urbana; autonomía doméstica; apoio psicopedagóxico; formación de adultos; afectividade e sexualidade; novas tecnoloxías e ocio e tempo libre.

A Asociación Down Lugo foi creada no ano 1996 por iniciativa dun grupo de pais e nais de persoas con síndrome de Down comprometidas coa procura de solucións aos problemas particulares que leva esta discapacidade. Durante estes anos de existencia, Down Lugo definiu un estilo de traballo marcado sobre todo, polo compromiso social a favor da integración e participación das persoas coa síndrome de Down.