«Eu non teño fillos, pero podo axudar aos fillos doutros»

Esta administrativa en paro dedícalle tres horas diarias a recoller tapóns e roupa para familias que o precisan


CHANTADA / LA VOZ

Rosario Varela é unha oenegué en si mesma. Sen siglas, nin socios, nin máis estrutura que a furgoneta na que visita aos seus contatos na procura de tapóns de plástico e roupa. Esta muller de Chantada quedou no paro hai quince meses e o seu home tivo que pechar pouco despois a súa granxa de coellos. Non dan atopado traballo e viven dos cartos aforrados, do subsidio de paro que ela aínda cobra e dunha horta familiar, pero non se pode dicir que Rosario estea desocupada. Esta chantadina de 57 anos ten montada unha rede de recollida e entrega de roupa para familias con poucos recursos e outra de acopio de tapóns de plástico para financiar tratamentos médicos a nenos con enfermidades raras ou que precisan tratamentos experimentais que a seguridade social non paga.

-¿Como empezou nisto?

-Tres meses despois de quedar no paro, una amiga miña das Pontes faloume do caso de Aitana, una pequena de Madrid cunha enfermidade cardíaca que a súa familia quere levar a que a mire un especialista de nova York. Así empecei.

-Pero non se parou nese caso.

-Vin que había moitas outras familias con nenos que tamén precisan axuda. Uns porque teñen enfermidades raras e outros que padecen doenzas que son coñecidas, como a parálise cerebral, pero que están probando tratamentos novos que os fan mellorar. Son cousas moi caras que as familias non poden pagar, así que están recollendo tapóns para vendelos a peso. E eu colaboro.

-¿Recolle tapóns de particulares ou de empresas?

-Teño uns cantos sitios en todo o casco urbano de Chantada: bares e outro tipo de negocios, como farmacias, o centro de saúde... Pero mellor prefiro non dicir cales son, porque me podo esquecer de algún e non quero que lles poida parecer mal. Os que dou xuntado vounos mandando a través dunha empresa de mensaxería ao banco de tapóns organizado en Lugo.

-¿E a roupa?

-Un día unha profesora ofreceume roupa para unha nena que teño afillada. Díxome que se a aceptaba e contesteille que si. A raíz daquilo empecei a saber doutra xente que necesitaba roupa para os seus nenos. Uns íanme falando doutros e fun xuntando xente.

-¿A cantas familias lle entrega roupa regularmente?

-A unha ducia, máis ou menos.

-¿Pero a roupa que reparte, mércaa vostede?

-Non, teño xente que ma dá.

-Nunca pensou en colaborar con algunha organización. ¿Con Caritas, por exemplo?

-Vaime ben traballando pola miña conta. A xente confía en min e non me fai falta unha asociación.

Rosario dedícalle aproximadamente tres horas todas as mañás ao seu traballo solidario. Só libra as fins de semana. «O sábado e os domingos téñoos para min», explica. A súa rede solidaria ten ramificacións fóra de Chantada e chega a Sarreaus, o concello ourensano do que é oriundo o seu home. Alí teñen casa e varios contactos que recollen tapóns para eles.

-¿Seguiría facendo isto se encontrase traballo?

-Supoño que dependería do tipo de traballo e do tempo que me deixase, pero creo que faría un esforzo e trataría de seguir, porque fai falta

-¿Por que lle parece que fai falta?

-Eu teño tempo e gústame axudar aos demais. Sempre pensei que aínda que eu non tivese fillos, que non os teño, podía axudar aos fillos doutros, aos nenos que o necesitasen e ás súas familias.

-¿Por certo, como vai o caso de Aitana?

-En maio viaxan a Nova York. Xa case xuntaron os cartos que lles facían falta.

ROSARIO VARELA GONZÁLEZ

ten montada unha rede solidaria en chantada

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

«Eu non teño fillos, pero podo axudar aos fillos doutros»