O Museo Provincial presenta unha mostra sobre as pegadas das idades de Bronce e de Ferro e de Roma en Galicia

La Voz

LUGO

PRADERO

Son 12 reproducións en cor e a tamaño real cedidas pola asociación Trebas Galaicas e a Festa da Prehistoria de Mos

20 mar 2013 . Actualizado a las 23:47 h.

Esta tarde inaugurouse a exposición «Sinais na Pedra. Dos Petroglifos ás Labras», que se poderá visitar no Museo Provincial dende hoxe e ata  o vindeiro 20 de abril e na que se fai un percorrido polos sinais e pegadas que deixaron na pedra os nosos devanceiros desde as Idades de Bronce e de Ferro ata a conquista romana. Na inauguración tamén estiveron presentes o delegado de Cultura, Mario Outeiro, o secretario da asociación Trebas Galaicas, José Prieto, e o presidente da A.C. Festa da Prehistoria de Mos, Marcos Escudero, quen ceden as pezas para esta exposición.

A mostra está composta por 12 reproducións en cor e a tamaño real de petróglifos, unha colección de utensilios cos que se traballaba a pedra no Paleolítico e no Neolítico, unha serie de reproducións de esvásticas, trisqueis e espirais, representativas das decoracións en pedra desde a Idade do Bronce á chegada dos romanos, así coma reproducións de cabezas pétreas dun «guerreiro galaico».

Mario Outeiro sinalou o valor de todas estas pezas e agradeceu a súa cesión por parte da Asociación Trebas Galaicas e a Asociación Cultural Festa da Prehistoria de Mos, ao mesmo tempo que afirmou que «é importante coñecer o noso pasado, de onde vimos, para sabermos quen somos, xa que a nosa historia forma parte da nosa identidade».

Con motivo desta exposición, a Rede Museística organiza unha serie de obradoiros complementarios orientados aos nenos e nenas máis pequenos. O teu calco dun petróglifo, Como facían os petróglifos e Como moían a fariña, son algunhas das actividades previstas e nas que  os nenos e nenas aprenderán a facer reproducións das pezas que verán na exposición e até poderán moer trigo para obter fariña grazas a dous muíños de pedra, un de tipo «barquiforme» ou de «vaivén», correspondente ao Neolítico, e outro xiratorio, das idades do Bronce e do Ferro.