A hostalería presume en Fitur do mellor da gastronomía de Lugo

l.r. lugo / la voz< / span>

LUGO

CEDIDA

Autoridades e galegos coñecidos en distintos eidos arrouparon o lanzamento

31 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pavillón nove da feira internacional de turismo de Madrid (Fitur) acolleu onte pola tarde a presentación da sexta guía turística ... E para comer, Lugo. Interpretando el territorio, editada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), e que nesta ocasión está dedicada aos produtos autóctonos. Autoridades como a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; ou a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez; ademais do presidente de Avimós, Francisco Monasterio Solveira, interviron nun acto que estivo arroupado por un bo número de persoeiros galegos coñecidos en distintos eidos. Foi o caso, entre outros, do meteorólogo lucense Martín Barreiro, do físico Jorge Mira, do prior do mosteiro de Samos, José Luis Vélez, do xornalista Jenaro Castro, ou do director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

Na súa intervención, o presidente dos hostaleiros, Cheché Real, destacou que a provincia de Lugo é un lugar idóneo «multidestino» pola cantidade e variedade de lugares que alberga e pola súa gastronomía.

«Excelente materia prima»

Nesa liña, Arias destacou o «esforzo dos produtores e hostaleiros lugueses que proporcionan a excelente materia prima que engrandece a nosa cociña, en moitos casos co amparo de selos de calidade». Finalmente, Méndez falou da promoción que realiza a Deputación dos produtos e das paisaxes lucenses a través de Internet (www.losproductosdelugo.com) e do programa Kilómetro 0.

Á presentación acudiron o televisivo José Manuel Parada, o actor Máximo Valverde, a pianista Eloísa Martín. Tamén se achegaron ata alí o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; aí como os alcaldes de Cervo, Barreiros e Ferrol. A publicación ten unha tirada de 15.000 exemplares a distribuír por oficinas de turismo de toda España, albergues de peregrinos, feiras sectoriais e etapas da Vuelta España. Conta cunha edición on line na web www.eparacomerlugo.es