O disco benéfico Cantos de Nadal servirá para mercar xoguetes a nenos lucenses

Lugo / La Voz

LUGO

PRADERO

O cedé, no que participan Susana Seivane, Rosa Cedrón e Anxo Lorenzo, está á venda nos quioscos por 4,95 euros

24 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O disco benéfico Cantos de Nadal servirá para mercar xoguetes a nenos de familias lucenses en apuros. O diñeiro que se recade coa súa venda irá destinado integramente a este fin. O cedé de panxoliñas estará á venda nos quioscos por 4,95 euros ata o mércores. Neste traballo colaboran desinteresadamente artistas de primeiro nivel, como Susana Seivane, Rosa Cedrón ou Anxo Lorenzo.

Esta idea solidaria fíxose realidade grazas ao músico e xerente de Sons Galiza, Eloi Caldeiro, en colaboración con La Voz de Galicia e a Deputación de Lugo. No disco aparecen temas de nova composición e outras panxoliñas clásicas.

Co diñeiro recadado mercaranse xoguetes educativos en tendas e centros comerciais de Lugo. Para elo, os servizos sociais dos concellos da provincia disporán dun enderezo de correo electrónico ao que poderán enviar o número de familias que consideran que deberían recibir ese lote de xoguetes.

Os agasallos entregaranse nos servizos sociais municipais nos primeiros días do ano para repartir de forma paulatina e discreta entre as familias con apuros económicos.