«Cantos de Nadal ten panxoliñas clásicas e composicións novas»

Lugo / La Voz

LUGO

SIMÓN BALVÍS

O artista galego, que colabora en catro dos temas do cedé solidario, presentará en febreiro o seu segundo traballo

21 dic 2012 . Actualizado a las 07:10 h.

O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo é un dos artistas que participa no proxecto solidario Cantos de Nadal, unha iniciativa impulsada polo músico e xerente de Sons Galiza, Eloi Caldeiro, en colaboración con La Voz de Galicia e a Deputación de Lugo.

Coa venda deste cedé -por 4,95 euros nos quioscos da provincia ata o día 26 mercando o xornal- adquiriranse xoguetes educativos en tendas e centros comerciais de Lugo para nenos de familias en apuros. Neste traballo participan desinteresadamente artistas como Susana Seivane, Rosa Cedrón ou Anxo Lorenzo.

-¿Que lle pareceu a idea deste proxecto?

-Eloi Caldeiro chamoume para comentarmo e pareceume unha idea fantástica poder colaborar nun disco de panxoliñas con artistas de primeiro nivel. A experiencia da gravación, ademais, foi xenial. Sempre me prestarei a este tipo de iniciativas, para colaborar no que poida a través da música.

-¿En que temas do disco participa?

-Colaboro en catro temas. Un deles é a composición de Eloi Caldeiro Bo Nadal, no que toco a gaita e a frauta e no que participan tamén Rosa Cedrón e Susana Seivane. Despois tamén poño música a outras panxoliñas máis coñecidas, como Tamborileiro ou Noite de Paz. Cantos de Nadal ten panxoliñas clásicas e composicións novas.

-¿Para cando novo disco?

-Nestes momentos estou gravando o segundo disco, que presentarei en febreiro. Faremos o acto de presentación en Londres, Irlanda, Suíza, Bélxica... e, como non, en Galicia. A banda folk Anxo Lorenzo Big Band tocamos moito fóra de Galicia, porque fóra hai un circuíto enorme de folk e gusta moito o que facemos.

-¿Que tipo de música aparecerá neste traballo?

-Levamos moitos anos tocando por toda Europa, e neste disco seguirá predominando a música da gaita. Nel continúo explorando a fusión da gaita con outros estilos como o jazz, o pop, o rock... Será un disco moi variado, con música de todos os países celtas. O traballo é acústico por completo e transmitirá moita enerxía.

-¿Quen queira escoitar un adianto ten posibilidade de facelo?

-Sacamos un single de adianto, Crop circles, que xa se pode escoitar ou descargar nas plataformas dixitais como Spotify ou iTunes.

Anxo Lorenzo Gaiteiro que participa no disco benéfico