Picando pedra e comendo callos en Parga

c. l. gonzález

LUGO

CARLOS CASTRO

Na súa edición número dez e oito a Feira da cantería, callos e artesanía de Parga amosou unha vez máis o seu poder de convocatoria. Ao longo de toda a xornada foron centos as persoas que se achegaron ata a carballeira desta localidade guitiricense para contemplar en vivo e en directo o traballo dos vinte canteiros participantes no certame e seguir o proceso de elaboración das esculturas que ían labrando na pedra. Unhas esculturas que pasan a formar parte da exposición ao aire libre coa que conta a comunidade de montes veciñais de Santo Estevo de Parga, organizadora desta feira, xunto co Concello de Guitiriz. Chegada a hora de comer, empezáronse a repartir as mil racións de callos preparadas para a ocasión. Os asistentes puideron degustalas ao prezo de catro euros a ración, acompañada de pan e bebida. En caso de repetir, o prezo reducíase á metade. Antes do xantar, o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, pronunciou o pregón, acompañado polo alcalde, Xosé Teixido; a delegada territorial, Raquel Arias, e o presidente dos comuneiros, David Díaz. Exposicións, obradoiros e exhibicións completaron o programa dunha feira, na que causou expectación a mostra de vehículos militares e a recreación de conflitos bélicos que houbo no Centro de Iniciativas Turísticas.