Ben-Cho-Shey, medio século de maxisterio e cultura en Lugo

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado VIVEIRO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

A Deputación divulga a figura dun galeguista cunha obra por descubrir

28 jun 2012 . Actualizado a las 15:42 h.

A cidade de Lugo acollerá este serán un dos actos de recoñecemento á figura e obra de Ben-Cho-Shey, seudónimo de Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ourense, 1896-Madrid, 1988), unha das personalidades relevantes da cultura galega do século XX. Ademais de polos seus estudos históricos, etnográficos, lingüísticos e arqueolóxicos, este inspector de Primeira Ensinanza tamén elaborou un amplo estudo sobre o románico en Lugo e sobre a heráldica nos concellos da provincia.

Baixo o título «Os anos lugueses de Ben-Cho-Shey» desenvolverase hoxe (20 horas) no Museo Provincial de Lugo un acto no que a música, as fotografías e a lectura dramatizada permitirán rescatar e por en valor a figura dun home que Xosé María Álvarez Blázquez definiu asi: «Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado». Con este acto arranca o ano que a Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial lle adica a un home que recalou en Lugo no 1935 por motivos profesionais e onde foi elixido presidente do Partido Galeguista. Usou o seudónimo para asinar as súas crónicas da guerra de Marrocos no xornal La Zarpa. Destaca o seu papel activo na campaña do Estatuto de Autonomía do 36 da man de Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Lorenzo Varela, Servando de la Vallina...

Tal día coma hoxe, no que se celebran os 76 anos do plebiscito do Estatuto, a capital lucense rendiralle unha homenaxe a quen hai 75 anos foi desterrado a Cáceres, tras ser suspendido de emprego e soldo. Os sucesos de xullo do 36 colleron a Ben-Cho-Shey en Lugo. Non desaproveitou a ocasión de verter nun diario inédito as súas vivencias. Deixou plasmadas as impresións persoais e fixo análise de canta información recibiu do que ocorría noutros lugares máis alonxados de Galicia.

O ánimo do mestre, e logo inspector Ben-Cho-Shey, non decaería e nos anos 40 participou activamente na reorganización do Partido Galeguista. Xa desde Madrid continuou defendendo a cultura e lingua galegas a través do Club de Amigos de Unesco, o Centro Galego... Del din que foi o mentor dos grupos Castelao e Brais Pinto.