A ruta automobilístíca Eo - Terras de Burón volve tras 12 anos cun carácter turístico

lugo / la voz

LUGO

28 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Uns 80 vehículos tomarán parte entre mañá e o luns na undécima Ruta Eo-Terras de Burón, un encontro automobilístico que volve celebrarse despois dun parón de doce anos. O itinerario constará de 190 quilómetros, que se dividirán en dúas etapas, e discorrerá polos municipios de Baleira, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada, Ribadeo e Riotorto. Os participantes poderán realizar a ruta en calquera tipo de automóbil: 4x4, todoterreo, turismo ou moto trail.

Esta nova edición da ruta foi presentada onte pola deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo; o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, e o presidente do colectivo organizador, o club Rutas de Galicia, José Manuel Vega, que destacaron os aires totalmente renovados cos que retorna esta proba, pois pasa de ter un carácter principalmente deportivo a ampliar os seus obxectivos cara a promoción do turismo medioambiental.

O alcalde da Fonsagrada recalcou que se trata dun itinerario que non ten un carácter competitivo e que respecta o medio ambiente, pois na súa maioría discorre por asfalto. Ademais, está dirixido a todo tipo de persoas, tanto afeccionados como público familiar.

Novas actividades

Este encontro automobilístico supón a posta de largo do club Rutas de Galicia, que foi constituído hai un ano e medio, retomando a actividade do colectivo Rutas del Eo, organizador nos 90 das dez edicións celebradas da ruta Eo-Terras de Burón. O presidente do club organizador avanzou que esta actividade é o punto de partida dunha ampla programación que levará a cabo a agrupación que preside, como rutas de sendeirismo ou en bicicleta de montaña.

A Deputación colaborará coa organización na gravación e edición dun CD sobre a proba, que se distribuirá entre medios de toda España para incrementar a difusión e facilitar a continuidade da ruta.