A Deputación critica que a Xunta a exclúa do plan para contratar parados

Segundo o organismo provincial, os 8,3 millóns que Lugo recibiu no 2011 foron distribuídos «de xeito partidista»

la voz

A Xunta de Galicia vén de excluír ás deputacións do Plan de cooperación para a contratación de parados nos concellos. Así o avanzou onte a vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, que se referiu á medida como «unha decisión unilateral, inadmisible e inxustificada, xa que o executivo autonómico é coñecedor das múltiples prestacións e servizos que ofrecemos aos municipios». Como exemplo dixo que o ano pasado o organismo lugués recibiu 100.000 euros, cos que deu emprego a 14 persoas que prestaron servizo nos departamentos de Fondos Europeos, Urbanismo, Cultura ou no Consorcio Provincial de Bombeiros.

En calquera caso, García Porto subliñou que a cantidade recibida fora «insignificante se a comparamos coa achegada a municipios do PP». Segundo dixo, os 8,3 millóns de euros que recibiu a provincia en 2011 foron «distribuídos de xeito partidista e sen ter en conta criterios fundamentais como a poboación». A vicevoceira do PSOE citou o exemplo de Quiroga, «que foi o municipio que máis fondos recibiu, con 959.195 euros, seguido de Cervo, con 266.816. Ambos concellos, gobernados polos populares, teñen menos de 5.000 habitantes. En comparanza, o municipio lugués, o de maior número de habitantes na provincia, contou cunha subvención de 260.790 euros».

A mala xestión do PP cando estivo á fronte da Deputación lucense tamén foi obxecto das críticas do actual goberno, «que terá que desembolsar máis de 450.000 euros para facer xustiza cos veciños aos que os populares lles invadiron as súas fincas». Segundo o dito por Pilar García, 416.442 euros corresponden ao xustiprezo de seis fincas, «terreos que o Partido Popular debería haber expropiado en 2005, previamente ao inicio das obras de acondicionamento da canle á marxe do Río Rato, entre os parques Paradai e Sagrado Corazón». Outros 36.700 euros son da expropiación de 24 fincas dentro do proxecto de acondicionamento da estrada de Acebo a Negueira de Muñiz, «uns traballos contratados hai anos polo PP, pero sen realizar as expropiacións».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

A Deputación critica que a Xunta a exclúa do plan para contratar parados