A «caravana Vilamor» botou a andar en Lugo

maría caravel

LUGO

OSCAR CELA

18 mar 2012 . Actualizado a las 06:50 h.

1A película Vilamor, do director Ignacio Villar, foi rodada no concello lucense de Negueira de Muñiz e noutras paraxes da zona pertencentes aos municipios da Fonsagrada e Cervantes. Xa que logo, non é de estrañar que Lugo sexa a cidade elixida para a estrea deste filme -inspirado na comuna que se instalou nos anos 70 nas montañas luguesas- o vindeiro día 30. Pero para ir coñecendo detalles desta longametraxe, onte tivo lugar un pase promocional de Vilamor para os medios de comunicación e o equipo da película no cine do centro comercial As Termas, ao que acudiron o propio director e algúns dos actores, como Rubén Riós, Sabela Arán, Xoel Yáñez e o lugués Luis Iglesia. Deste xeito inicia a súa andaina a caravana Vilamor, que, tras a cita do día 30, proseguirá o seu percorrido por toda Galicia con proxeccións nas salas de cine de 15 localidades galegas.

Feito por mulleres

2Artesanía téxtil, en coiro, en vidro, en barro ou en vimbio, e licores, mel e outros produtos elaborados con leite ou con castañas poden atoparse na carpa instalada detrás do consistorio lucense. O denominador común a todos estes artículos e a outros presentes nesta feira que promove Fademur é que todos eles están feitos por mulleres rurais emprendedoras.

Rastrillo en Sarria

3Os amantes das oportunidades teñen unha excelente ocasión de encontrar algunha ganga no rastrillo que ten instalado a asociación Peleriños na Casa da Cultura de Sarria, no que poden encontrar practicamente de todo, en perfecto estado, e a uns prezos moi módicos. Está aberto de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00.

As Gándaras, de festa

4No barrio lugués das Gándaras seguen festexando a San Xosé, e aínda que onte chovese lixeiramente, a chuvia non restou afluencia á sesión vermú, que amenizou a orquestra Suavecito. Os festexos continúan ata mañá.

Casa de Lugo en La Sexta

5O programa ¿Quién vive ahí?, que La Sexta emite ás 23.25 horas desta noite, adentrarase na casa dun lucense: o arquitecto Pablo Ferreiro-Mazón, que ensinará aos televidentes cada un dos recunchos da casa de dúas plantas que ten na avenida de Magoi da capital luguesa. Unha vivenda con vistas ao río Miño.