O día das sindicalistas, das escritoras e das artistas

maría caravel

LUGO

PRADERO

09 mar 2012 . Actualizado a las 06:55 h.

1Mulleres que co seu quefacer diario son protagonistas no día a día tiveron onte algo máis de visibilidade cos distintos recoñecementos que lles brindaron organismos como o Concello de Lugo, que, como afirmou a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, adoptou a decisión de que os premios «Entre mulleres» deste ano fosen «un recoñecemento ao labor e á traxectoria sindical das secretarías de muller e igualdade dos sindicatos UGT (María José Vales Garaloces), CC.OO. (Dolores Maceda Fernández), CIG (Mercedes Mourenza Fernández) e STEG (Celia García Pena)».

Trama coas escritoras

2A librería lucense Trama tivo a singular idea de conmemorar o Día da Muller encargándolle ao noso querido debuxante Leandro as caricaturas de seis grandes das letras galegas, nacionais e internacionais. O resultado foron media ducia de cartaces en tamaño A3 coas caricaturas en branco e negro de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Gloria Fuertes, Agatha Christie, Virginia Woolf e Patricia Highsmith, que o público que pasou onte pola librería das galerías da avenida da Coruña puido adquirir asinadas de puño e letra polo artista gráfico que as deseñou.

Arte de mulleres

3Para facer máis visible a muller dentro do mundo da arte, a sala de exposicións do Pazo de San Marcos acolle dende onte a mostra A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, na que trinta e unha mulleres e un home poñen a súa arte ao servizo dese obxectivo. Comisariada pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, esta exposición conta cunha chea de actividades complementarias a desenvolver ao longo deste mes para «darlles visibilidade e apoio mediante a canle da arte e da cultura ás demandas que significaron avances na vida de millóns de mulleres».

Cambia o conto

4E como maneiras de homenaxear ás féminas hai moitas, un grupo de mulleres de diferentes colectivos lucenses fixérono cunha lectura colectiva do conto A cincenta que non quería comer perdices, unha visión particular da historia tradicional. As participantes, agrupadas baixo a denominación «mulleres galegas en loita polos nosos dereitos, tomaron a Praza da Soidade, que rebautizaron como Praza do 8 de marzo para celebrar o acto.