«Un mapa é bo para todo, mellor ca o GPS; ata garda do frío»

laura lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

Este lucense utilizará a súa experiencia como condutor para esta ruta

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Rozas leva toda a vida entusiasmándose. E o seu ten moito mérito, porque lidia coas enfermidades desde os 18 anos. Ten diagnosticado síndrome de Reiter e esclerose múltiple, e con 37 anos viuse obrigado a xubilarse, moi ao seu pesar, pero nunca deixou de estar activo e de buscar novas motivacións. Desde hai tres anos forma parte da directiva da asociación lucense de esclerose múltiple (Alucem). Agora, con 45 anos, afronta un novo reto: participar no rali solidario Mongol Rally 2012 co equipo Reto Mongolia e recorrer 14.000 quilómetros para levar axuda humanitaria.

-¿Como leva os preparativos?

-Isto estame axudando moito, a volver a ilusionarme e revivir os meus tempos de traballo.

-¿En que traballaba?

-Primeiro fun condutor de camións, para Cosméticos La Toja, e despois condutor de autocares, para Saamasas, Her Vei e logo para Pullmantur, Trapsatur e Alsa, facendo circuítos por toda Europa.

-Daquela xa estaba enfermo...

-Si, todo empezou cando cumprín os 18 anos. Tiven un accidente de coche ao pouco de sacar o carné, e no hospital pillei unha infección de urina que me baixou as defensas. Enfermei, pero dixéronme que era o ácido úrico e empecei un tratamento. Pero cando fun facer a mili, tiven un brote e viron que non era iso, senón o síndrome de Reiter, unha inflamación das articulacións, coa orixe no sangue. Pero seguín traballando e fun o primeiro da empresa de camións en saír ao estranxeiro.

-¿E nunca tivo problemas?

-Un día, indo a Barcelona, parei no Manzanal co camión e deume unha crise; non me podía mover, nin saír do camión. Pero pasou a Garda Civil, deilles as luces, piteilles e achegáronse e leváronme ao hospital. Logo empecei cos buses.

-¿E que tal lle foi?

-Encantábame. Coñecín Inglaterra, Franza, Italia, Suíza, Alemaña, Bélxica... Gústame coñecer xente nova, outras linguas e ideoloxías. Con 27 anos diagnosticáronme esclerose, pero aprendín a convivir con ela, a estar activo, pero tamén a coñecer os meus límites.

-Tivo que ser duro.

-Eu era moi novo e viña dun sitio pequeno (nacín en Santa Eulalia de Bóveda), pero sempre tiven moita vontade, e tamén atopei boa xente.

-¿Aplicará parte da súa experiencia na viaxe a Mongolia?

-Iso espero. GPS non levaremos, porque non serviría, e prefíroo así. Un mapa é bo para todo, mellor que o GPS, ata garda do frío. Se a temperatura é moi baixa, mételo por debaixo do xersei e protexe moi ben.

-¿Como prepara a viaxe?

-Por suposto, vou levar os medicamentos que tomo a diario e outros por se me dá un brote. Tamén roupa térmica porque os cambios de temperatura, sobre todo a humidade, fanme moito dano. Queremos conseguir, ademais, un teléfono satélite para poder pedir axuda médica se tivese algunha emerxencia. Pero o principal aspecto que estou traballando é o psicolóxico. Os médicos estanme axudando moito.

josé Rozas padece esclerose e reiter, e viaxará a mongolia nun rali solidario