A música tradicional esperta o interese dos máis pequenos

cristina lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

A Tradescola pasou de contar cunha única aula de infantil cando abriu as súas portas no 2008 a ter seis actualmente

10 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando a Escola de música tradicional que xestiona a Asociación de gaiteiros galegos abriu as súas portas en Lugo no 2008 o alumnado infantil non era moito. A tendencia foi cambiando co paso dos anos e a medida que os alumnos deste centro se ían incrementando ata chegar aos 200 actuais, tamén aumentaba a cifra de nenos e nenas que se matriculaban na Tradescola, tanto é así que pasaron de ter unha única aula para os escolares máis pequenos cando esta escola iniciou a súa andaina a contar con seis no curso actual 2011-2012 para alumnos de ata dez anos.

En palabras da coordinadora deste centro, Mónica Fernández, o que máis lles gusta aos nenos das clases que reciben na Tradescola é unha de dúas horas semanais na que combinan un pouco de todo, xa que van coñecendo os distintos instrumentos; aprenden e ensaian cantigas; e participan en xogos tradicionais e unha chea de actividades adaptadas as súas idades. E todo isto nun ambiente moi ameno, que axuda a espertar o interese pola cultura tradicional entre os alumnos.

Pero a Escola de música tradicional non só chama a atención dos pequenos, senón tamén das asociacións, que cada vez con máis frecuencia demandan cursos e outras actividades dos profesores deste centro. E mentres tanto, algúns alumnos xa empezan a ofrecer actuacións fóra do centro e a participar en festivais ou actos culturais.

Polo demais, a Tradescola continúa adiante coas súas aulas de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto, pandeireta, técnica vogal, percusión, requinta e linguaxe musical. A maiores imparten cursiños monográficos, charlas, concertos didácticos e outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional en distintas comarcas da provincia, nas que tamén colaboran coas asociacións locais. Mesmo están a iniciar contactos con escolas destas características doutros lugares de España con vistas á realización de intercambios.

Precisamente grazas aos concertos didácticos, máis de 1500 escolares de concellos como Ribadeo, Monforte, Vilalba, Sarria, Chantada, Mondoñedo, Lugo, ou A Fonsagrada puideron achegarse a música tradicional e coñecer de primeira man os sons dos instrumentos galegos, os distintos ritmos, formacións e as distintas melodías existentes na nosa cultura tradicional. Estas accións formativas continuarán realizándose en períodos trimestrais.

O mesmo ocorre cos cursos monográficos que esta Escola de música tradicional imparte nas distintas vilas, e que ata o de agora aproveitaron máis de 250 alumnos chegados de outras asociacións culturais ou mesmo afeccionados á música galega. Uns e outros iniciáronse ou perfeccionaron as técnicas de baile, canto e pandeireta, acordeón, gaita ou percusión.