1O xornalista e editor Tucho Calvo presentou onte en Lugo a reedición do seu libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, editado por Biblos. O profesor Claudio Rodríguez Fer participou no acto, que se celebrou na Galería Sargadelos. Paz-Andrade (1898-1987) foi unha das figuras claves na historia do século XX en Galicia e será a figura homenaxeada pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas do 2012. A publicación de Calvo recolle un amplo diálogo no que se fai un extenso repaso pola traxectoria vital dun home que destacou como empresario, político galeguista e escritor, entre outras moitas facetas.
Festa do exercicio e da saúde
2O 11 de decembro, Lugo acollerá a primeira Festa do Exercicio e da Saúde. Cada cuarto de hora, entre as 10.30 e as 13.30 horas, a Praza da Soidade será escenario de actividades relacionadas coas artes marciais ou o exercicio aeróbico nas que poderán participar de xeito gratuíto todas as persoas que o desexen. A iniciativa foi presentada polo vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga; o concelleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Díaz Grandío; o presidente da Asociación provincial de ximnasios, José Manuel Gómez Suárez; e Alejandro Guitián.
Muralla dixital
3O alcalde de Lugo, José López Orozco, e a concelleira de Economía, Sonia Méndez, abriron a presentación do proxecto Muralla Dixital, que se celebrou no Centro de Empresas e Innovación coincidindo co décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio pola Unesco. Na iniciativa tamén participan Santiago de Compostela, Melgaço, Monçao e Valença do Minho.
Premio para o dono do Balneario de Lugo
4O vicepresidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Antonio Garaloces Paz, que dirixe o Balneario de Lugo, acaba de recibir o premio Santa Bárbara, outorgado pola Cámara Mineira pola súa traxectoria profesional. Recoñécenlle ter investido nun centro termal cando o futuro era incerto.