As mil maneiras de facer país de Mini e Mero premiadas en Láncara

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Os membros de A Quenlla recolleron o premio de mans do presidente da RAG

16 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un pode facer país a través da política, da literatura, do cine, da música, dos medios de comunicación e de moitas outras artes. Algúns dos diversos xeitos de defender e promocionar Galicia, a súa lingua e a súa cultura aparecen compendiados nas figuras das dúas persoas que onte recibiron en Láncara o premio Ramón Piñeiro López «Facer País».

Os músicos, poetas, mestres e investigadores Mini (Xosé Luís Rivas Cruz) e Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio) foron merecedores deste galardón na súa décima edición por crear e recrear o cancioneiro galego e outras manifestacións da cultura de Galicia, polo seu compromiso profesional como educadores e colaboradores con distintos colectivos e pola súa activa participación na recuperación da memoria histórica.

Así llelo recoñeceron os membros do xurado, representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria, aos que os homenaxeados responderon declarándose inmensamente agradecidos por ser premiados por uns colectivos que desempeñan un labor moi semellante ao que eles levan a cabo.

O acto, con varios centos de asistentes, desenvolveuse segundo o guión previsto, con recepción por parte das autoridades, recibimento a Mini e Mero na ponte romana de Carracedo e entrega do premio no vello consistorio por parte do presidente da RAG, entidade premiada no 2010. E estando entre músicos, todo acabou en festa.

crónica entrega do décimo galardón ramón piñeiro lópez