Ternera Gallega e Acruga presentan a primeira carne con dobre certificacióncandoondecanto

cristina López LUGO / LA VOZ

LUGO

A nova marca empezará colocando no mercado unhas 300 canais mensuais

08 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As primeiras canais dun novo marchamo cárnico xa están listas para saír ao mercado. Trátase da marca Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega. Nestes primeiros meses está prevista a saída de entre 300 e 400 cabezas mensuais; mentres que no futuro agárdase superar as 2.000 cabezas ao mes, tal como sinalou onte na presentación da marca o presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, quen sinalou ademais que a dimensión que acade este novo marchamo dependerá da súa evolución no mercado, polo que fixo un chamamento á unión e colaboración do sector.

Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega foi presentada no Pazo de Feiras, nun acto previo á inauguración de Expolugo, que será o marco no que se poderá probar por primeira vez esta carne, xa que dende hoxe e ata o domingo, o restaurante do Pazo de Feiras ofrecerá pratos elaborados con carne da nova marca. Por outra banda, o vindeiro mércores, ofrecerase unha degustación pública no patio do antigo Seminario Menor, actual edificio administrativo do Concello de Lugo.

Xatos criados co leite materno

A nova marca só ampara e protexe a carne que procede exclusivamente de xatos de raza rubia galega, que nacen, que se crían e que se sacrifican en Galicia, e que teñen como alimentación básica o leite materno, xa que son criados en granxas con vacas nais.

Esta nova marca cárnica conta cunha dobre garantía: a de Acruga, que controla a xenética dos tenreiros para garantir que son da raza rubia galega, e a da IXP Ternera Gallega, que controla a orixe, a alimentación, o estado sanitario, o sacrificio e o despece dos xatos, así como a comercialización da carne certificada. Neste sentido, os consumidores atoparán a carne da nova marca debidamente identificada, cos correspondentes certificados de garantía e contraetiquetas.

A saída ao mercado desta nova marca supón a culminación do convenio de colaboración asinado hai case un ano, concretamente en novembro do 2010, entre a IXP Ternera Gallega e a Asociación de criadores de raza rubia galega (Acruga), co obxectivo de fomentar os sistemas de produción de carne en explotacións tradicionais; potenciar a citada raza e mellorar a súa comercialización. Para o presidente de Acruga, César Dorado Pin, con esta nova marca «non só se fortalece a promoción da raza, senón que aumentará a confianza do consumidor».

Maior rendibilidade

Ademais de González e Dorado, a presentación de Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Gallega contou coa participación de Manuel Chaín, responsable de Medio Rural no Concello de Lugo, quen salientou que o novo marchamo vai redundar na mellora da calidade de vida dos gandeiros e da súa rendibilidade; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación, que destacou a importancia desta iniciativa nunha provincia que conta con tantas explotacións cárnicas e reiterou o compromiso do organismo provincial co sector; e Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural, quen manifestou que «a nova marca vai servir para identificar unha zona, unha raza e un produto», e expresou o seu desexo de que os gandeiros e os consumidores sexan «os grandes beneficiarios desta marca».

O vindeiro mércores, día 12, entre as 12.00 e as 14.00 horas.

Patio do Seminario.

Uns 900 quilos de carne de Ternera Gallega Suprema-Rubia Galega, con pan e viño.

«Presentamos un produto que conta coa garantía de calidade de Acruga e de Ternera Gallega»

César Dorado Pin

«A dimensión da nova marca vai depender da resposta do mercado e a unión do sector»

Jesús González Vázquez Presidente da IXP Ternera Gallega