«Pretendemos ser a marca de referencia do embutido galego»

l.l. LUGO / LA VOZ

LUGO

Esta empresa reivindica o prestixio do xamón de Galicia, para o que busca unha IXP e formatos máis atractivos

23 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Torre de Núñez leva medio século dedicándose ao envasado, e uns 15 anos como fabricante de produtos cárnicos. Con esta experiencia ás súas costas, parece lóxico o desexo do director xeral da empresa, José Manuel Núñez, que participou na elaboración dunha das charlas do Congreso Mundial do xamón: «Pretendemos ser a marca de referencia do embutido e do xamón galegos dentro e fóra das nosas fronteiras».

-¿Cal é a saúde do xamón galego?

-O xamón galego tivo moito prestixio ata os anos setenta e oitenta en toda España. Na industrialización dos setenta, Galicia non soubo dar o salto, pero desde hai unha década, industrias do sector estamos traballando para recuperalo. Así que a saúde do xamón está mellor ca nunca, a pesar da crise.

-¿Como fan esa recuperación?

-Estamos tratando co resto do sector de lograr a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para o xamón galego. Ademais, exportamos a países de Centroamérica, a Unión Europea e queremos facelo tamén a Xapón. Agora somos o único fabricante de alimentos cárnicos que temos a licenza de uso da certificación Galicia Calidade.

-¿E queda sitio para innovar?

-Sempre hai sitio, pero neste caso céntrase máis nos formatos. Nós apostamos por produtos de libre servizo, para dar maior comodidade no consumo, con embutidos estuchados ou loncheados, que son máis atractivos para o consumidor. Todos os nosos produtos son galegos e inclúen chacinería, embutidos, produtos cocidos e rexionais.

-¿Encaixa o Porco Celta en Torre de Núñez?

-É unha raza autóctona de Galicia, que pode encaixar na estratexia de futuro da empresa, aínda que por agora non teñen produción suficiente. Pero todo ten un principio, e igual dentro duns anos sería interesante.

-¿Cal é a importancia do congreso para os produtos galegos?

-A valoración é moi positiva porque serve para promocionar a cidade e os produtos galegos que se elaboran, sobre todo o xamón, moi importante na gastronomía española.

-¿Cales son as características dun bo xamón galego?

-Ten un corte redondo, coa pel ata abaixo, e segundo diversos estudos, isto dálle un grao de salinidade inferior. Tampouco ten a uña típica do xamón ibérico, e todo isto dálle un valor engadido. É un xamón zumento, co sabor e aroma adecuados.

josé manuel núñez director xeral de torre de núñez