Poesía e música para Darío Rivas Cando, un mozo loitador

O fillo do alcalde de Castro asasinado en 1936, protagonista dun encontro


Lugo / la voz

Supera os 90, pero é un mozo loitador. Darío Rivas Cando, fillo de Severino Rivas, alcalde socialista de Castro de Rei asasinado durante a represión franquista, foi protagonista o pasado venres, en Portomarín, dun encontro co gallo da súa estadía en España e antes da súa volta a Buenos Aires onde reside. Familiares e amigos reuníronse en torno a él para recoñecerlle a súa loita en prol dos dereitos humanos e especialmente por aqueles que morreron durante a ditadura. Entre eles atópase seu pai ao que buscou durante toda a súa vida e que finalmente atopou soterrado en Cortapezas (Portomarín) onde lle pegaron dous tiros no 1936. Por fin seu pai puido repousar no panteón familiar de Loentia desde 1994.

No encontro, a maiores dos seus parentes, estiveron presentes amigos seus como, por exemplo, os cantautores Mini e Mero; Alfonso Blanco Torrado, crego e responsable da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz; Xesús Pérez, responsable da Galería de Sargadelos de Lugo e tamén o crego lugués Xesús Mato.

Darío Rivas foi agasallado con poesía e música. Xesús Pérez dedicoulle un poema do lucense Claudio Rodríguez Fer. Mini e Mero non deixaron de lembrar, coas súas interpretacións a poetas chairegos como Díaz Castro e Manuel María. No seu recital, a maiores das cancións galegas, non faltaron os tangos e incluso as habananeras. O acto resultou moi emotivo.

Darío Rivas tivo verbas de agradecemento para todos e tamén para seu pai. «Nunca lle pago o que fixo por mín. Fun o neno mimado de 9 fillos», explicou. «Meu pai creo que non era político. Tiña o socialismo no corazón, que é distinto do socialismo que se estudia. Practicaba o socialismo puro», destacou durante unha breve intervención. Tamén lembrou que non quería vinganza senón xustiza, pero con todos aqueles que morreron por mor das súas ideas.

«Síntome moi recompensado porque hai moita xente que me agradece o que fixen e que non foi outra cousa que honrar a meu pai», dixo. Darío Rivas, que a pasada semana interveu nun acto organizado na Universidade de Salamanca, retornará nos próximos días a Argentina.

Crónica

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Poesía e música para Darío Rivas Cando, un mozo loitador