«Os coches son máis baratos agora que coas axudas do 2010»

laura lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

Os concesionarios intentan paliar a caída nas vendas con grandes descontos

05 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A espectacular caída nas vendas de vehículos na provincia golpea con forza o sector da automoción lucense. Segundo as cifras que manexa a Dirección General de Tráfico, nos sete primeiros meses do ano baixaron as vendas un 37% con respecto ao mesmo período do 2010. A pesar destes datos negativos, os profesionais do sector intentan buscar novas fórmulas para atraer compradores e ofrecer produtos de calidade e a prezos cada vez máis competitivos. É o caso do grupo lucense L-Motor -integrado por Lugocar, LugoMotor e NiponCar, coas marcas Ford, Fiat, Alfa Romeo, Mazda e Lancia-, á fronte do que se atopa Genaro Saavedra. Con Lugocar comezaron en 1982, pero este profesional explica que coa venda de coches usados levan xa traballando desde hai uns 40 anos.

-¿Como está sendo este ano no seu concesionario?

-A situación foi mala durante todo o ano, e en Lugo a caída é máis acusada ca no resto de España. Isto débese a que a venda a empresas foi o que menos baixou, pero iso aquí case non ten incidencia, pois a maioría de compras son de particulares. En Lugo caeron as transaccións sobre un 43% con respecto ao 2010, que xa non fora bo, e no noso concesionario a baixada é similar, ou algo menor. No resto de España, a caída foi de algo máis do 20%.

-¿Con que cifras pecharon o mes de xullo?

-A caída foi menor que en xullo do 2010, porque daquela fora unha verdadeira hecatombe, xa que coincidiu a suba do IVA coa finalización das subvencións que daba o Estado. En canto a este pasado mes, con respecto a xuño, caeron as vendas arredor dun 14%. Falamos de coches novos, porque no referente a vehículos usados as vendas mantéñense ou mesmo soben algo.

-¿A que se debe esta situación?

-Sobre todo, pola incertidume que hai. Fai falla que a xente volva coller confianza, que se recupere o emprego e que empecen a aparecer novas positivas. Un exemplo dese estado de ánimo é a espectacular caída do número de xente que visita a nosa exposición de vehículos. Se a principios do ano pasado podía haber unhas trinta persoas diarias, nestes momentos non supera as seis. Agora, os que veñen é porque realmente necesitan mercar un coche, veñen a tiro fixo e coas ideas moi claras. Antes, había moita xente que se achegaba ata a exposición para ver o que había, por se acaso e, claro, aínda que non tiveran necesidade, algún sempre acababa mercando.

-¿Están tomando algunha medida para atraer máis clientes?

-Agora mesmo estamos coa campaña Kilómetro 0. Trátase dunha boa oportunidade para mercar un coche, pois ofrecemos vehículos novos cun 35% de desconto. Pero en xeral, os coches están moi baratos nestes momentos, se non se mercan máis, desde logo que non é polo prezo. De feito, os coches son máis baratos agora que coas axudas que había ata mediados do 2010. Tamén mimamos moito a atención ao cliente, e cada persoa que vén cumprimenta unha enquisa na que valora este aspecto. Baseándose neste estudo entre os usuarios recibimos recentemente un galardón europeo que premia a nosa atención ao cliente. Para nós, isto é unha gran satisfacción e anímanos a seguir adiante.

genaro saavedra xerente de l-motor