De Abel Vilela acaba de publicar un libro con planos e fotos da Muralla
10 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Adolfo de Abel Vilela, historiador especializado na historia da cidade, acaba de publicar un novo libro editado polo Servizo de Publicacións dependente da área de Cultura da Deputación Provincial. Unha edición moi coidada, con numerosas fotografías e planos cun contido distribuído en vinte e sete capítulos, selección bibliográfica, apéndices, índice de persoas e índice de lugares. Dos vinte e dous libros publicados sobre temas da cidade, este é o quinto que o historiador lle dedica á Muralla.
-O seu título ?A Muralla Romana de Lugo, na documentación dos séculos XVI ao XX?, ¿significa que é un libro para especialistas?
-Pois non. A Muralla é un monumento poliédrico, non só pola súa arquitectura, senón polos múltiples aspectos ou lecturas que podemos facer del. Xa que logo é un libro que pode interesar a calquera tipo de lector, desde o especializado ata o simplemente curioso. Está escrito para que todo o mundo o entenda.
-O seu primeiro libro dedicado á Muralla publicouno en 1972, ¿en que se parece e en que se diferenza do actual?
-Pois non se parece en nada e diferénciase en todo. Primeiro porque os coñecementos e a formación que teño agora é distinta da que tiña en aquel momento. Aquel era máis ben un folleto de 86 páxinas, dedicado aos edificios que había pegados á Muralla. Este ten 680 páxinas e conta o que ocorreu co noso monumento, modificacións, reformas, restauracións, amores e desamores, cambios de uso e moitos outros aspectos que puiden atopar en arquivos e hemerotecas nos últimos corenta anos, que son unha boa parte da miña vida.
-E, como lucense, ¿que visión ten vostede da Muralla?
-Para min a Muralla forma parte da miña paisaxe urbana habitual, familiar. Teña en conta que eu nacín na rúa das Nóreas, e a casa onde vivín os primeiros vinte anos tiña unha horta que topaba con ela. Eu vina e a vivín desde que teño uso de razón e cando me interesei por coñecela máis a fondo, atopeime con que non había información, ou que non era doado conseguila, por iso decidín estudala e divulgala. Dei moitas conferencias ilustradas con diapositivas e editei varios libros e guías.
-Nestes últimos anos, ¿cambiou a valoración dos lucenses cara ao monumento?
-Desde logo, non só por parte dos lucenses, senón tamén das administracións e do mundo científico. O que lea o libro decatarase que a Muralla foi sempre, con algunhas excepcións, moi considerada polos nosos antepasados, por razóns históricas, xa que certificaba o lustre da cidade, a súa antigüidade, e tamén por razóns prácticas, porque era un eficaz cortaventos imprescindible no inverno para crear un hábitat máis cálido. Ese aprecio ou consideración cambiou totalmente por mor da declaración de Monumento Patrimonio da Humanidade, máis que nada porque son os de fóra os que a consideran. Moitas veces non sabemos valorar o que temos.
-¿Tamén nas administracións?
-Aínda que agora hai un certo abandono no seu aspecto, tamén, porque ese título obriga, non só ás administracións senón tamén aos cidadáns. Se nos implicamos todos e conseguimos ter un casco histórico en perfecto estado de conservación, con xacementos arqueolóxicos á vista, museos, cos monumentos ben sinalizados, poderiamos aspirar a que todo o conxunto histórico fose declarado Patrimonio da Humanidade, pero para iso hai que espabilar e poñerse as pilas, e sobre todo, decatarnos de que a cultura e o patrimonio xera riqueza, intelectual e material.
-Satisfeito coa publicación do novo libro?
-Moi satisfeito non só pola calidade da edición, senón porque a teña feito a Deputación, así que o meu agradecemento á Vicepresidencia Primeira, e a Comisión de Cultura. Nisto tamén houbo un cambio moi notable, porque dos tres libros e dúas guía que fixen sobre a Muralla, catro pagueinos eu. O Ministerio de Educación e Ciencia editou en 1975 unha ?Guía das Murallas Romanas de Lugo? , por iniciativa do recordado Ramón Falcón, unha edición moi coidada para aquela época, da que se fixeron dez mil exemplares. Cando se esgotou propúxenlle a unha editorial facer outra actualizada e contestoume que non era rendible. Así que, a pesar de non ser rendible, publiqueina eu en 1996.
-Con este libro ¿queda dito todo sobre a Muralla?
-Pola miña banda si. Pero só son cincocentos anos dun monumento que ten mil setecentos. Así que aínda queda moito que descubrir e que dicir por quen teña a intención de facer esa labor.
-De todos os apartados ou aspectos que trata no libro, ¿cal é o que máis lle gusta?
-Non teño ningunha predilección por ningún porque todos forman parte dunha visión múltiple do monumento. Pero quizais como historiador local me resulte interesante a historia recente, a da declaración como monumento Patrimonio da Humanidade, á que lle dedico tres capítulos, porque foi algo especial para a cidade pola implicación que a sociedade tivo en que se conseguise, ata houbo bastante unanimidade entre os políticos, aínda que tamén baixo corda houbo as súas trastadas. Pero ao final conseguiuse o obxectivo que quedou moi ben reflectido naquel slogan ?Conseguímolo entre todos?, que debería servir como un exemplo para sacar adiante moitos dos proxectos culturais que a día de hoxe están paralizados na cidade por unha visión moi curta e partidista de toda a cousa pública.
Adolfo de abel vilela historiador