«Un Oscar non me quita o sono, eu son pouco de gañar»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

LUGO

Ten un proxecto para ir rodar a Estados Unidos e busca financiación

03 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O festival de Cannes é sinónimo de luxo e de estrelas de cine aos que se lles tiran fotos cun fondo de ceo tan azul como a costa que ten ese mesmo nome. Pero tamén é sinónimo de esforzo e de ilusión por comezar na sétima arte unha carreira con menos espectáculo pero con non menos entusiasmo.

Mariña Casais, vilalbesa de 26 anos, pasou este ano polo festival de Cannes para presentar unha curtametraxe titulada Izquierda. Nada. Despois de estudar Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense completou a súa formación na Escola de Cine Pedro Almodóvar, de Alcorcón. A selección para participar no festival francés chegoulle despois de colgar unha versión do seu traballo nunha páxina web, onde a viu un xurado que decidiu aceptala.

-¿Hai que comezar neste mundo facendo curtametraxes?

-É moi recomendable. É un espazo no que podes experimentar, xogar, facer cousas que non teñen nada de convencional. Se te lanzas a unha curtametraxe, non cho permiten agás que sexas David Lynch. As longametraxes dan para vivir disto; as curtas, non. A meta sería facer unha longametraxe, pero xa se verá se se me ocorre algo.

-¿Avánzase no cine máis en medios ca en ideas novas?

-Creo que é política de mercado. Agora interesa lanzar o 3D, que é algo que está inventado hai anos. Eu creo que hai un cine distinto ao que se exhibe en Cannes pero que é difícil de ver: vas ao cine e póñenche o de Hollywood e non o último de [Ari] Kaurismäki. Hai moito cine que non se ve e que está evolucionando moito en guións, en formas... Pero o mundo convencional, o que move o diñeiro, non se molla en poñer esas películas a gran escala.

-¿Preferiría estrear unha película en Cannes ou gañar un Oscar?

-Sempre fun máis de Cannes ca de Oscar. O Oscar é o que che din que tes que gañar, pero non me quita o sono. Faime máis ilusión a Palma de Ouro, pero son pouco de gañar. Xa se verá.

-¿É pecado comer «palomitas» no cine?

-Non. Mellor na casa, cunha película, pero non é pecado.

-¿Ten algún proxecto novo?

-Teño un guión para rodar en Estados Unidos e para o que estou buscando financiación. Pero agora o importante é mover esta curtametraxe e darme a coñecer.