Acruga pechou o 2010 cun superávit de 21.600 euros

lugo / la voz < / span>

LUGO

Aumentou en 10.000 as reses inscritas no libro xenealóxico da raza rubia galega e en seis as explotacións

29 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación de criadores de raza rubia galega (Acruga) fai un balance positivo do último exercicio, no que logrou incrementar o número de animais e de explotacións inscritas no libro xenealóxico, que ascenden na actualidade a 59.214 exemplares e a 2.771 granxas, incrementándose en case 10.000 animais e en seis explotacións con respecto ao ano anterior.

Como se puxo de manifesto na asemblea xeral anual celebrada onte, a asociación que preside César Dorado pechou o 2010 cun superávit de case 21.600 euros. Nese período aumentou o prezo medio dos exemplares nas 22 subhastas nas que a asociación participou, situándose nos 1.931 euros, así como as adxudicacións, pasando dos 73 animais aos 95.

Polo que respecta á comercialización de seme deste raza, aínda que o número de doses vendidas baixou un dous por cento con respecto ao exercicio do 2009, aumentaron nun 13 por cento as exportacións de seme. Neste ámbito, aos países nos que Acruga xa ten unha forte presenza, como Brasil, Chile, Arxentina, Polonia ou Lituania, súmanse outros nos que se levaron a cabo os primeiros contactos, con bos resultados, como Nicaragua ou Estados Unidos.

Máis charlas e poxas

Outro apartado no que a Asociación de criadores de raza rubia galega está a levar a cabo un destacado labor é o da formación. Así, no 2010 impartiu 14 charlas formativas sobre a raza rubia e o libro xenealóxico en diferentes municipios lucenses, unha cifra que este ano 2011 se elevará ata as 17.

E xa no que se refire a novidades para este exercicio, Acruga incorporou aos seus servizos o de ser entidade identificadora. Neste sentido, dende que empezou o presente ano, 340 explotacións escolleron a Acruga para utilizar ese servizo, chegando a colocar unhas 1.400 chapas nos primeiros cinco meses que van de ano.

E como non podía ser doutro xeito, a asociación seguirá presente nas feiras e poxas que se celebren neste 2011 tanto dentro como fóra de Galicia. Dúas das citas máis relevantes do seu calendario terán lugar o vindeiro mes de xuño: Silleda, entre os días 16 e 19, e Adai, os días 24 e 25.