O candidato do BNG propón a creación dun centro de arte contemporáneo lucense

lugo / la voz

LUGO

22 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O candidato á alcaldía lucense polo BNG, Antón Bao, propuxo onte a creación dun Centro de Arte Contemporáneo Lucense, baseándose nas suxerencias que artistas e persoeiros da cultura luguesa lle fixeron chegar de cara ao seu programa de goberno para o concello. O actual vicepresidente da Deputación e responsable de Cultura nesta institución lembrou que a cidade conta cun número elevado de artistas contemporáneos de prestixio. Citou a Lomarti, Mónica Alonso, Paco Pestana, Antonio Murado, Iván Prieto, Matalobos e Bordell.

A pesar de que a nómina de artistas é abondosa, Bao estima que non hai un centro de arte contemporáneo onde amosar a obra destes autores.

O candidato nacionalista propón «racionalizar e optimizar» os distintos museos e edificios con uso cultural coas que vai contar o Concello no futuro, como o MIHL que se está a construir en Frigsa, ou o edificio do antigo cárcere que será remodelado con cargo ao Plan Urban para ser transformado en centro cultural. Bao propón que se estude a posibilidade de que un destes inmobles acolla un centro destas características, adicado aos artistas lucenses contemporáneos e que abarque as distintas disciplinas artísticas.