O consello de anciáns do mundo vexetal

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LUGO

Chantada conta cunha importante colección de carballos monumentais

10 mar 2011 . Actualizado a las 15:17 h.

Non hai praticamente dúbida de que estes seis carballlos son os seres vivos máis vellos de Chantada. A súa idade é incerta, pois non hai estudos científicos que a precisen, pero atendendo ao seu volume si se poden facer estimacións que os datan por riba dos cincocentos anos. A cifra pode ser aínda maior nos exemplares máis grandes ou nos que tiveron un crecemento máis lento polo solo no que se atopan, pois a edafoloxía é un factor de peso para o desenvolvemento da árbore.

A maior parte destes grandes carballos salváronse grazas ás decotas, que son as podas que aproveitan a leña sen matar a árbore. Din que na vida dun home pódense chegar a facer tres decotas a un carballo, é dicir cada trinta anos aproximandamente. Para que sobrevivisen tamén foi determinante a súa función de dar sombra ás adegas de garda. E desde logo, foi fundamental a sensibilidade dos moitos donos que tiveron, sobre todo nestes últimos tempos, que os salvou de acabar na lareira ou na cociña de ferro.

Pousada

Un dos máis vellos e grandes. O carballo da Fonte do Gil, tamén coñecido como carballo grande da Casa Grande, pode ter todas as papeletas para ser o máis vello ou o máis grande. Está solitario nun prado da aldea de Pousada en Mariz. Que siga así por moitos anos.

Pereira de Arriba

Vida intramuros. O carballo da Casa do Menor, en Pereira de Arriba, agóchase entre as paredes da portada da casa e as dunha adega. Agóchase na medida do posible, pois as pólas saen por riba. O seu dono di que este enorme tronco que sae dun solo rochoso pode ter mil anos e el non lle recorda ningunha decota. Só Fenosa lle cortou unha póla para un tendido eléctrico.

Cabreiros

Primeiro a árbore, logo a estrada. A comitiva do enterro dun dos seus últimos donos fixo un alto ao pé do carballo de Lama da Costa, cerca do lugar de Cabreiros, na parroquia de Camporramiro. Asi o demandara o finado. Este xigante foi respectado cando se abriu a pista que vai dende a ponte do río de Santa Lucía, na estrada de Castro de Carballedo, ata o lugar do Vilar. Eran os tempos nos que se estreaba como alcalde José Regal Vázquez. Contan que hai máis de cen anos que non se decota.

Melide

A piques da tala por dar sombra a un labradío. O carballo da Adega está no lugar de Melide, na parroquia de Camporramiro, dando sombra a un exemplo de arquitectura do viño, a adega de garda, o seu dono Julián Miguel Rodríguez Quinzán Milito, lembra como se facían os aros das cubas grazas ao burato que hai ao pé do tronco e máis cunha pedra xa desaparecida. A xeito de palanca domábanse os paos de loureiro para darlles forma circular e ter conta das táboas da cuba. O pai de Milito contoulle que para darlle unha altura á adega para facer un pallar houbo que cortar unha póla, da que aínda queda a marca, e diso por referencias documentais pódese datar hai trescentos anos. Conta tamén o dono que hai anos un caseiro empeñouse en arrincar o carballo para ter máis sol nunha leira de pan. Milito díxolle que plantase outro máis pequeno. Cando este xa dese sombra suficiente á adega, arrincarían o vello, cousa que nunca chegou a pasar.

Eiriz

Amigo dos pescadores. Lonxe de pistas e estradas, o carballo da ponte do prado do Euxenio é probablemente o que menos xente viu, debaixo da aldea de Eiriz en Brigos e moi cerca da chapacuña da Moreira, onde lle chaman Os Cachóns, á beira do Asma. Non pasa sede esta mole de madeira, que polo que se aprecia no arranque das polas, nunca se decotou. Seguramente a man do home non alterou a sua natureza, mantendo unha forma primitiva. Seguro que moitos pescadores saben desta xoia.

Brigos

Morrendo xunto ao cemiterio. En Brigos está tamén o carballo da Cruz -por estar cerca dun cruceiro-, outro ancián atacado por un fungo na sua base, exhibe unha esvelta figura ao pé do cemiterio parroquial. Nunca foi decotado, a excepción un corte feito por Fenosa, que por protexer un transformador guindoulle unha grande póla.