Os editores galegos entregarán en Lugo os seus premios anuais

cristina lópez LUGO / LA VOZ

LUGO

A gala na que optan a ser galardoadas 23 obras terá lugar o vindeiro sábado na Deputación Provincial

09 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A sexta Noite da Edición, a gala anual do sector editorial galego, que reúne a todos os que traballan diariamente para facer realidade os libros que despois chegan aos lectores, celebrarase este ano en Lugo. O acto terá lugar a partires das oito da tarde do vindeiro sábado na Deputación Provincial, e contará coa presenza de moitos dos grandes autores, ilustradores, tradutores e, por suposto, editores, do panorama literario e editorial galego, que optan aos premios que entrega a Asociación Galega de Editores (AGE) en dez categorías e, neste caso, para un total de 23 obras.

Nesta edición, ademais, a AGE homenaxeará, no apartado de edición histórica, ao que fora director da editorial Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermida, así como ás dúas editorias que celebran o seu 25 aniversario: Ir Indo e Hércules de Ediciones. Por outra banda, nesta festa do gremio editorial galego será nomeado socio de honra o ex presidente da AGE Alfonso García Sanmartín, e Espazo Lectura recibirá o galardón á mellor iniciativa de difusión do ámbito do libro.

O resto dos premios daranse a coñecer na gala do día 12, entre eles o de mellor autor do 2010, co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun escritor ou escritora, e ao que están nominados nesta ocasión Xosé Neira Vilas, Marcos Calveiro e Pepe Carreiro.

O resto das categorías nas que se concederán premios son: ficción, non ficción, teatro ou poesía, infantil-xuvenil, educativo, tradución, ilustración e iniciativa editorial.

Entre as nominadas figuran obras dalgúns autores lugueses, coma o ensaio Parir a liberdade. O movemento feminista en Galicia, da xove xornalista Elvira Fente, ou o poemario Unha tempada no paraíso, do que é autor Claudio Rodríguez Fer. Tamén opta a galardón a ilustradora luguesa Noemí López polas súas creacións para a Guía ilustrada da Galicia invisible, da que é autor outro escritor da provincia de Lugo, o mindoniense Antonio Reigosa.

Polo demais, entre a vintena de libros que poden ser premiados están algúns de escritores recoñecidos como Manuel Rivas ou Álvarez Cáccamo, e mesmo do autor ao que se lle dedicará o Día das Letras, Lois Pereiro.

As obras seleccionadas para estes premios superaron dúas roldas de votacións e agora terán que ser os membros do xurado os que determinen os gañadores. Deste labor encargaranse o crítico Ramón Nicolás, o escritor e editor Xosé Antonio Perozo, o libreiro Antón Pedreira, a editora e profesora Rosario Portela Yáñez e a escritora e presentadora de televisión María Solar.